O Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso o servizo de conservación e restauración do retablo da capela da Nosa Señora da Pastoriza, por un importe global de 43.187,34 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de febreiro para presentar as súas propostas. Prevese que a intervención estea rematada nun período duns oito meses.
Trátase dun retablo neoclásico de madeira tallada e policromada, situado na cabeceira da capela. Ademais dos traballos de conservación e restauración deste ben moble, a empresa adxudicataria encargarase de redactar o proxecto de intervención no mesmo, os estudos previos necesarios e a memoria final. Incluirase unha análise histórica do retablo, a elaboración de mapas de modificacións e de variacións sufridas polo conxunto artístico ao longo do tempo, os mapas de danos nos que se van intervir, xunto á caracterización dos materiais que se van empregar en todo o proceso.
O conxunto someterase a un tratamento para facer fronte aos ataques de xilófagos e previr que se reproduzan no futuro. Así, consolidaranse as superficies atacadas de podremia e tamén as que afecten ao soporte. Restituiranse os volumes e molduras perdidos. E tamén se restaurarán os elementos metálicos de que consta a estrutura do retablo, ao tempo que se reparará a mesma.
Levarase a cabo unha limpeza xeral das superficies. En canto á cor, en función do estudo inicial, poderíase chegar á eliminación do repinte actual, co fin de reintegrar cromaticamente toda a superficie, labor que se realizará empregando pigmentos naturais.
Finalmente o conxunto será sometido a un tratamento especial que permita a súa protección e conservación futura. Nesta liña, os restauradores responsables desta intervención deberán presentar unha memoria detallada de mantemento do retablo.
Para a realización destes traballos de conservación e restauración do retablo da capela da Pastoriza requiriranse, ademais de restauradores, outros expertos, en particular carpinteiros con experiencia na restauración deste tipo de bens.