O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitaron as obras de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, dirixidas polo Consorcio de Santiago. Na visita tamén participou, entre outros, o presidente do Padroado do Museo, Justo Beramendi.
O alcalde e o conselleiro interesáronse por como afectou a crise sanitaria do coronavirus ás obras. Tal e como comprobaron, o prazo de finalización viuse lixeiramente afectado polo estado de alarma e, mentres que a previsión inicial era que a actuación rematase no mes de setembro, agora, debido ao parón provocado pola COVID-19, estímase que as obras finalicen en outubro deste mesmo ano.
A empresa adxudicataria continúa intervindo nas fachadas do edificio, renovando as cubertas e construíndo unha nova escaleira para unir todas as plantas do edificio. No marco desta intervención tamén se mellorará o illamento térmico do inmoble, renovarase a rede de subministros, substituirase a estrutura do chan e instalarase un novo ascensor.