O Consorcio de Santiago vai celebrar esta fin de semana unhas xornadas de portas abertas para coñecer a cámara escura da Casa do Cabido, na Praza de Praterías. É unha iniciativa dirixida a todos os cidadáns e visitantes, en particular aos máis pequenos da casa. Un fotógrafo será o encargado de realizar estas visitas guiadas, que permitirán aos asistentes achegarse á física e ao principio da fotografía.
O venres e o sábado haberá tres visitas pola mañá, que comezarán ás 11:30 e seguirán ás 12:15 e ás 13:00 horas. E pola tarde serán ás 16:15 e ás 16:45 horas. O domingo celebraranse as tres visitas da mañá. Non é necesario inscribirse nas mesmas, simplemente estar na Casa do Cabido ao inicio dalgunha das horas previstas. Só deberán concertar previamente a visita os colexios ou grupos a partir de 15 persoas, chamando ao teléfono da Casa do Cabido (981 576 661).
As salas convértense nunha cámara escura, co que os visitantes experimentan a sensación de estar dentro dunha cámara fotográfica
En 2011 o Consorcio rehabilitou a Casa do Cabido, que se adaptou para o seu novo uso cultural. Daquela, a orientación norte da súa fachada e a distancia desta co muro paralelo da parede medianeira posterior inspirou a idea de converter as diferentes salas do edificio en cámaras escuras, que representan a orixe da fotografía e do cine. O deseño das contraventás de madeira permite a escuridade total interior, de xeito que, a través de minúsculos orificios, nas salas penetran os raios reflectidos coa imaxe do fluír da Praza das Praterías, a fachada da Catedral e a Torre Berenguela; proxectándose invertidas sobre a parede medianeira.
O efecto “cámara escura” recreado na Casa do Cabido permite experimentar a sensación de estar no interior dunha cámara fotográfica. E ofrece momentos máxicos coa proxección do fascinante escenario urbano da Praza das Praterías sobre as paredes interiores deste edificio barroco.