Visitas guiadas para escolares no Museo das Peregrinacións e de Santiago

venres, 19 Setembro, 2014

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías, anima aos colexios a participar na súa nova serie de visitas guiadas. A iniciativa diríxese aos alumnos dos centros educativos de primaria e secundaria, que terán a oportunidade de achegarse á exposición “Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral”, unha recreación do Santiago do século XIII. A través dun percorrido dunha hora, darase a coñecer aos escolares aspectos relacionados co nacemento da cidade e o seu esplendor medieval.

 

Con esta exposición abriu as súas portas en 2012 a nova sede do museo. A mostra conta con medios novidosos e aplicacións interactivas, reconstrucións virtuais que permiten coñecer a apariencia e a evolución urbana da cidade, pantallas xigantes que recrean a Catedral románica tal e como a viron quenes a coñeceron tras a súa consagración en 1211, e ata un xogo interactivo que ofrece a posibilidade de acompañar a un peregrino no seu percorrido pola Compostela medieval.

 

Destacan dúas impresionantes maquetas da Catedral e da cidade, esta de máis de 20 m2. Reconstrúe a fisionomía do Santiago do século XIII, co templo románico en todo o seu resplandor, as igrexas e conventos, as portas e a muralla que rodeaba a urbe. Para a súa realización seguíronse as descricións que da cidade e da catedral fai o Códice Calixtino. “É unha experiencia educativa e lúdica de enorme interese” -sinalan dende o Consorcio-. 

 

O horario das visitas guiadas é de martes a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O prezo por alumno é dun euro. Todos os centros educativos interesados deberán reservar cita chamando ao teléfono 981 566 110 ou enviando un correo electrónico a  visitasguiadas@consorciodesantiago.org

 

O Consorcio de Santiago impulsou, dende 2007, a remodelación da antiga sede do Banco de España e a súa adaptación como Museo das Peregrinacións e de Santiago. Na actualidade é un referente arquitectónico e cultural no corazón do casco histórico, que contribúe á divulgación dos valores históricos e culturais da cidade.