O vindeiro domingo, 18 de maio, conmemórase o Día Internacional dos Museos. Con este motivo, o Consorcio de Santiago convida aos cidadáns e visitantes da cidade a que se acheguen de xeito gratuíto ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías. Haberá xornada de portas abertas o sábado 17, Día das Letras Galegas, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. O domingo os interesados poderán acceder ao museo entre as 11:00 e as 14:00 horas.
No marco desta iniciativa, o Consorcio entregará publicacións das súas diferentes bibliotecas vencelladas á cidade de Santiago a todas aquelas persoas que visiten o museo esta fin de semana. Os máis pequenos tamén terán o seu agasallo, neste caso libros da colección infantil-xuvenil do organismo, coa que se pretende achegar a historia da cidade de xeito ameno.