O Consorcio de Santiago súmase do 19 ao 22 de maio á Semana da Administración Aberta, unha iniciativa mundial impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás Administracións Públicas e ao seu traballo ordinario. Para iso, o Consorcio de Santiago organiza varias visitas guiadas por espazos destacados da cidade que contan con intervencións deste organismo, así como unha charla divulgativa sobre a instalación da fibra óptica no casco histórico.
As prazas para as actividades son limitadas. Para inscribirse é necesario mandar un correo á dirección prensa@consorciodesantiago.org co nome e apelido da persoa asistente, así como a actividade á que quere asistir.
As visitas serán os días luns 19, martes 20 e xoves 22 de maio ás 10:00h. A do día 19 terá como obxectivo dar a coñecer a obra realizada no Multiusos do Sar no 2022, que consistiu na instalación dunha cuberta telescópica sobre as piscinas para así permitir o seu uso en inverno. As dos días 20 e 22 terán un percorrido por intervencións do Consorcio de Santiago na Cidade Histórica, que comezará coa apertura da sede do organismo no Pazo de Vaamonde e continuará pola obra da fachada do Pazo de Raxoi e a obra en marcha na Casa do Cabido, e rematará coas obras de eliminación de barreiras arquitectónicas no conxunto do Museo do Pobo Galego.
O mércores 21 ás 10.00h terá lugar no Pazo de Vaamonde a charla divulgativa sobre o despregue da fibra óptica, na que se explicará o proceso de instalación do tendido de fibra óptica para dar servizo a Cidade Histórica. Na actividade se porá o foco na tecnoloxía novidosa empregada no despregue - a "CTO Compostela" - e nos criterios respecto ao patrimonio e ao mínimo impacto. A charla rematará coa visita a un exemplo concreto.