Capela do Cristo do mosteiro de Santa María de Conxo
Proxecto: mellora do sistema de ventilación e limpeza do lousado da capela do Cristo de Conxo
Intervención: a capela presentaba escurecemento húmido do lousado ao longo do ano. Esta patoloxía débese á gran contaminación superficial de sales de nitratos, que provocan un comportamento higrotérmico anormal debido á súa condición higroscópica, polo que para eliminar o oscurecemento húmido do lousado houbo que resolver o problema da contaminación das lousas por nitratos e, ademais, controlar a ventilación da capela. Utilizouse o método de desalación por bacterias.
Cemiterio da Orde Terceira Franciscana
Proxecto: obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público
Intervención: a falta de mantemento fai que presente problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteran a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foron plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización. Trátase de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais.
Ermida de Agualada de Marantes
Proxecto: obras de mantemento da ermida de Agualada de Marantes
Intervención: realizáronse tarefas de limpeza da pedra das fachadas, renovouse o tellado da sancristía e levouse a cabo a drenaxe da cara exterior dos muros que conforman a igrexa.
Igrexa de Santa María de Marrozos
Proxecto: intervención na cuberta e nas fachadas da igrexa de Santa María de Marrozos
Intervención: as actuacións na cuberta centráronse na mellora da súa estanquidade. Levouse a cabo unha revisión e limpeza do sistema de canlóns e baixantes así como da súa conexión á rede local de condución de auga. Limpáronse os paramentos exteriores da nave e aplicouse pintura mineral. Levantouse a grava perimetral da gabia de drenaxe existente que conecta as canalizacións de pluviais e revisouse todo o sistema asegurando que a evacuación das augas se produce correctamente fóra do recinto. No interior da igrexa levantouse o pavimento de madeira no encontro cos muros e renovouse a varanda da escaleira de acceso ao coro.
Edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Proxecto: instalación dun ascensor no edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Intervención: vaise instalar un ascensor no edificio da cidade histórica situado na Praza de Salvador Parga nº 4. Na actualidade é a sede do Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal a todas as plantas deste inmoble.
Museo do Pobo Galego
Proxecto: adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego
Intervención: unha das propostas máis relevantes do proxecto é a creación dun núcleo de comunicación vertical, integrado por un ascensor de alta capacidade e por unha escaleira que unirá todas as plantas. As fachadas da ala sur vanse revocar, melloraranse as condicións térmicas e renovaranse as cubertas. Substituirase ademais a estrutura portante dos forxados que se atopan en mal estado ou que son incapaces de soportar as cargas de uso propias dun museo. Realizarase a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, das súas carpinterías e das súas reixas históricas.