Igrexa de San Caetano
Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Caetano
Intervención: renovarase a pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais, realizarase unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as esquinas. E levarase a cabo a renovación do tellado da esquina noroeste.
Capilla de Santas Mariñas do Sar
Proxecto: obras de mantemento da capela de Santas Mariñas do Sar
Intervención: a actuación encamíñase á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros. Ademais, modificarase a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. E está previsto tamén restaurar o revestimento de madeira do muro á rúa e limpar o muro da fonte.
Igrexa de San Frutuoso
Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso
Intervención: entre as actuacións que se van levar a cabo, destaca a intervención no tellado e a limpeza das fachadas e do campanario. Ademais, vaise suxeitar a espada que a estatua que representa a Prudencia leva na man esquerda.
Capelas da igrexa de San Martiño Pinario
Proxecto: reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario
Intervención: o obxectivo principal desta actuación é evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. Intervirase nas súas cubertas, ao tempo que se realizará unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores.
Cemiterio da Orde Terceira Franciscana
Proxecto: obras de acondicionamento do cemiterio da Orde Terceira Franciscana para a súa apertura ao público
Intervención: a falta de mantemento fai que presente problemas de crecemento incontrolado de vexetación, dificultades de escorrentía das augas pluviais e suciedade, xunto a intervencións desordenadas que alteran a coherencia construtiva e histórica do conxunto. No que se refire á xardinería, a maioría das especies vexetais foron plantadas sen seguir ningún criterio nin de selección das especies nin no relativo á súa localización. Trátase de acondicionar o cemiterio a través da limpeza dos elementos de pedra existentes no mesmo, a mellora dos pavimentos e a reordenación das especies vexetais.
Ermida de Agualada de Marantes
Proxecto: obras de mantemento da ermida de Agualada de Marantes
Intervención: realizaranse tarefas de renovación da pintura e limpeza da pedra das fachadas, renovarase o tellado da sancristía e levarase a cabo a drenaxe da cara exterior dos muros que conforman a igrexa.
Edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Proxecto: instalación dun ascensor no edificio da Praza de Salvador Parga nº 4
Intervención: vaise instalar un ascensor no edificio da cidade histórica situado na Praza de Salvador Parga nº 4. Na actualidade é a sede do Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal a todas as plantas deste inmoble.
Museo do Pobo Galego
Proxecto: adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego
Intervención: unha das propostas máis relevantes do proxecto é a creación dun núcleo de comunicación vertical, integrado por un ascensor de alta capacidade e por unha escaleira que unirá todas as plantas. As fachadas da ala sur vanse revocar, melloraranse as condicións térmicas e renovaranse as cubertas. Substituirase ademais a estrutura portante dos forxados que se atopan en mal estado ou que son incapaces de soportar as cargas de uso propias dun museo. Realizarase a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, das súas carpinterías e das súas reixas históricas.