Rehabilitación de monumentos 2021

Piscinas exteriores do Mutiusos Fontes do Sar

 

Proxecto: instalación dunha cuberta telescópica

Intervención: o vello globo presostático removible vaise substituír por unha cuberta telescópica, que poderá abrirse e pecharse de maneira doada e inmediata. Ampliarase o espazo dispoñible, co que se poderá acoller a un maior número de usuarios. Engadiranse novos servizos como unha zona de contraste, diante dos vestiarios, onde se creará unha sauna e baños turcos. Ademais, mellorarase a iluminación grazas ao peche con vidro transparente, que permitirá desfrutar visualmente do contorno, e cun sistema interior de iluminación máis eficiente.



Capela da Corticela

 

Proxecto: eliminación das goteiras na cuberta da capela de Santa María A Antiga da Corticela

Intervención: restaurouse a armadura de cuberta de madeira, obra do arquitecto-conservador Francisco Pons Sorolla nos anos sesenta. A actuación contou coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Repúxose a cuberta exterior con tella cerámica e realizáronse traballos de limpeza dos paramentos da fábrica granítica, eliminación de recrecidos de formigón, reparación de carpinterías metálicas, unha nova instalación eléctrica, restauración de elementos de valor artístico e patrimonial, reordenación do altar e instalación dunha porta nova de castiñeiro.


      

 


Capelas da iglesia de San Martiño Pinario

 

Proxecto: reparación das cubertas da igrexa de San Martiño Pinario

Intervención: o obxectivo principal desta actuación era evitar a entrada da auga da choiva cara ao interior dos muros das capelas da Nosa Señora do Socorro, Santa Catalina e Santa Escolástica. Interveuse nas súas cubertas, ao tempo que se realizou unha limpeza e rexuntado das súas fachadas e das fachadas da nave central da igrexa que son accesibles desde estas cubertas, xunto a outras obras menores. 

 

      



Ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval

 

Proxecto: adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para ampliación do Museo do Pobo Galego

Intervención: creouse un núcleo de comunicación vertical que dá acceso a todos os andares do edificio, integrado por un ascensor de alta capacidade e por unha escaleira; e nesta zona habilitáronse aseos novos. As fachadas saneáronse e revocáronse. As cubertas sometéronse a unha reestruturación completa. Incorporáronse instalacións de acondicionamento térmico, fontanería e saneamento, electricidade, telecomunicacións, seguridade, prevención antiincendios... apostando pola xeotermia como forma de enerxía sostible. Ademais, preveuse a evacuación do gas radón a través dun novidoso sistema de sumidoiros. Na zona sur da primeira e segunda planta substituíuse a estrutura do solo. A obra incluíu a limpeza e restauración da reixa da fachada da anteigrexa de Bonaval.

 

      

 

 

Igrexa de San Frutuoso

 

Proxecto: obras de mantemento da igrexa de San Frutuoso

Intervención: entre as actuacións que se están a levar a cabo, destaca a renovación completa da cuberta e a limpeza das fachadas e do campanario. Ademais, vaise suxeitar a espada que a estatua que representa a Prudencia leva na man esquerda. 

 

         



Pazo de Raxoi

 

Proxecto: substitución das cubertas do Pazo de Raxoi

Intervención: o proxecto recolle as obras de substitución do material de cubrición de todas as cubertas inclinadas. Mantense a solución de tella cerámica curva, baixo a que se deixará unha cámara de aire ventilada e incorporarase illamento térmico en toda a súa superficie, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

 

   

 

 

Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia

 

Proxecto: substitución da cuberta do Palacio de Congresos

Intervención: con esta intervención búscase solventar as continuas e abundantes filtracións da auga da choiva en numerosos puntos do edificio.