
O Consorcio de Santiago publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de reparación da estrutura de madeira e eliminación de humidades da Quinta dos Fuentes, situada en Vidán. O orzamento base de licitación ascende a 105.077,26 euros (IVE incluído) e o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 4 de setembro de 2026.
A actuación ten como obxectivo resolver as patoloxías que afectan ao inmoble, provocadas fundamentalmente pola presenza continuada de humidades de capilaridade e provenientes do lucernario da escaleira e a torre pombal, polo deterioro que estas ocasionaron na estrutura de madeira. Preténdese garantir a súa conservación, prolongando a vida útil dun edificio catalogado de elevado valor histórico e patrimonial.
Actuacións previstas
As obras centraranse na reparación dunha parte da estrutura de madeira do inmoble, afectada polas filtracións e pola humidade acumulada ao longo do tempo. A intervención conservará e reforzará os elementos estruturais existentes, destacando os pontóns de castiñeiro do forxado da planta alta, que presentan as maiores deformacións, mediante solucións de madeira, compatibles co sistema construtivo orixinal. Así mesmo, reforzaranse dúas trabes de madeira na torre.
Paralelamente, actuarase sobre as causas que deron lugar a estas patoloxías mediante a mellora da estanqueidade da cuberta, a renovación dos canlóns e baixantes e a reparación dos encontros construtivos que agora favorecen a entrada de auga. Tamén se colocarán novas carpintarías exteriores na torre para mellorar o illamento térmico e acústico do edificio, colocaranse proteccións nos balcóns que as perderon, sendo as novas de vidro, e reorganizarase o sebe do xardín, para facilitar o uso da planta baixa, sen deformar a composición do xardín.
A actuación complétase coa instalación dunha drenaxe na parte posterior do edificio e, así, reducir a concentración de humidade nos muros, creando unhas condicións ambientais máis favorables para a conservación do edificio e dos seus elementos construtivos.
Un inmoble singular da historia de Vidán
A Quinta dos Fuentes, tamén coñecida historicamente como Casa de Brandía, constitúe un dos inmobles máis representativos do patrimonio histórico de Vidán. As súas orixes remóntanse a finais do século XVIII, cando formaba parte dun complexo industrial vinculado a unha antiga fábrica de curtidos instalada nas marxes do río Sar.
Co paso do tempo, o conxunto foi transformado nunha finca residencial, incorporando a súa característica torre de tres plantas e uns xardíns de inspiración francesa que configuraron a súa imaxe actual. Na actualidade, o inmoble está cedido polo Concello de Santiago á Asociación de Veciños de Vidán, que o utiliza como centro para o desenvolvemento da súa actividade social e comunitaria. A actuación impulsada polo Consorcio permitirá compatibilizar a preservación dos valores históricos e arquitectónicos da Quinta dos Fuentes co uso público e veciñal que mantén vivo este espazo patrimonial.