O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar as obras de limpeza do ciborio da igrexa de San Martiño Pinario á empresa Obras Gallaecia, S.L. O orzamento global desta intervención ascenderá aos 85.207,41 euros.
Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable deste proxecto, Ramón Fernández Hermida, limparanse e rexuntaranse a terraza e os muros do ciborio da igrexa e a cuberta do mesmo, co fin de evitar a entrada da auga da chuvia ao interior do edificio, que chega a producir goteiras sobre o altar.
“A auga fíltrase pola terraza do ciborio, sobre todo polos encontros desta cos muros e coa balaustrada e cornixas perimetrais e pola cuberta. As obras centraranse pois na limpeza da terraza, muros e cornixas mediante a eliminación de plantas e musgos; xunto co rexuntado da cantería e o retellado da cuberta do ciborio” -sinala o arquitecto-.
Ademais, a entrada de auga cara aos recheos dos muros produce o debilitamento do sistema estrutural do edificio e acaba aparecendo pola cara interior da cúpula da igrexa, polo que a actuación tratará de resolver todas estas patoloxías.
Estado actual da cúpula da igrexa
Na cuberta do ciborio faltan algunhas tellas e outras están rotas. Na pedra das fachadas hai zonas invadidas pola vexetación e áreas colonizadas por mofos e liques. Pola cara interior da cúpula, no interior da igrexa, vense zonas con humidade que acaban por gotear enriba do altar. Estas patoloxías son provocadas polas filtracións da auga da choiva, que entra tanto polas xuntas da pedra como polos encontros entre paramentos e zonas de apoio dos balaustres, ornamentos…
Unha vez eliminadas as plantas superiores, así como as algas, mofos e liques, limparase toda a superficie de fachada cun cepillo de esparto ou serdas e auga limpa sen presión, para non danar as xuntas ou a superficie da pedra. Coa fachada limpa, procederase a limpar en profundidade as xuntas abertas que teñan sido invadidas por plantas e raíces. E tamén se limparán as gretas e fisuras co fin de eliminar todo o material de aporte tanto do vento como por parte das aves e demais colonizadores. Por último, aplicarase un hidrofugante fluorado, pola súa permeabilidade ao vapor de auga, de xeito que consenta a eliminación da humidade do interior da fábrica.