O alcalde de Santiago visita a capela de San Roque de Sabugueira, na Lavacolla, reformada polo Consorcio

xoves, 6 Febreiro, 2014

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, acompañado da xerente do Consorcio, María Antón, visitou a capela de San Roque, situada na parroquia de Sabugueira, na Lavacolla. Comprobaron in situ os resultados dos traballos promovidos pola Oficina Técnica do Consorcio, centrados na recuperación do atrio ou soportal da ermida. Tamén estivo presente a arquitecta Idoia Camiruaga, responsable da coordinación do proxecto e da dirección da obra, cuxo orzamento global ascendeu aos 19.994,14 euros. As obras realizounas a carpintería de madeira Frama.

 

A capela é de traza barroca, de finais do século XVIII, e está no traxecto do Camiño Francés. O edificio consta de dous corpos: a nave, que é un prisma protexido por dous faldróns de tellas, e máis o soportal. Este último é un pequeno espazo cuberto diante da entrada da ermida, para protección da choiva. Pero a estrutura de madeira que soportaba o seu tellado era moi feble e atopábase moi deformada.

 

“O principal problema estaba no tellado do atrio. Tiña unha deformación moi grande que provocou a separación dos faldróns, de xeito que a auga da choiva entraba pola cumieira e ía pudrindo pouco a pouco a estrutura” -explica a arquitecta-. Aínda que non existía risco de derrubamento da cuberta, os técnicos consideraron que non era conveniente que a deformación evolucionase e poidese provocar que a estrutura viñese abaixo.

 

Tal como indica Camiruaga, “reconstruíuse o tellado cunha estrutura de características similares ao antigo, reutilizando todo o material que foi posible. As poucas modificacións que se introduciron foron para garantir a estabilidade do conxunto”.

 

Por outro lado, aínda que a conservación xeral do inmoble é boa, a cuberta da nave da capela requiría unha limpeza e presentaba moitas tellas rotas. Estas substituíronse por outras vellas pero en bo estado procedentes do atrio. Ademais, recortáronse as ramas que caían sobre un dos faldróns do tellado da capela, co fin de evitar problemas futuros.