O Consorcio custodiará o fondo fotográfico de Ramón Sánchez Estalote

martes, 14 Novembro, 2017

O Consorcio de Santiago asinou un convenio cos herdeiros do fotógrafo compostelán Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), en virtude do cal ceden ao organismo o seu fondo fotográfico para a súa custodia. No acto estiveron o alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de publicacións e exposicións do Consorcio, Juan Conde; xunto á sobriña de Estalote, Ana Mª Sánchez Pardo, que asinou o convenio en nome dos herdeiros do fotógrafo.

 

Ramón Sánchez Estalote, un profesional cunha gran capacidade de observación e unha sensibilidade especial, retratou a cidade de Santiago de Compostela e parte de Galicia durante as décadas centrais do século XX. O fondo, que agora custodia o Consorcio, reúne unhas 4.000 fotografías e uns 1.500 negativos. As instantáneas reflicten unha temática moi variada, dende o costumismo, pasando polas de carácter relixioso, paisaxístico, urbanas, festivas, o mar…

 

Estalote gardou o seu arquivo en caixas de zapatos e nunha vella maleta de cartón. Estes fondos foron recuperados polos seus sobriños pouco despois do seu falecemento. Agora pasan a formar parte do Arquivo Gráfico do Consorcio de Santiago, co fin de garantir a súa conservación e divulgación entre os investigadores e a sociedade en xeral. O organismo manterá así todo o material cedido polos familiares do fotógrafo compostelán nas condicións de seguridade e conservación que garantan a preservación do mesmo. E velará para que en todos os usos públicos deste fondo por parte de terceiros se respecten os dereitos morais do autor.

 

Os herdeiros de Estalote decidiron legar todo o fondo a unha mesma entidade para non dividilo e non devaluar o seu valor cultural. A cesión acordouse por un período inicial de catro anos.

 

O Consorcio dixitalizará todo o material para poñelo a disposición do público

 

Tanto as fotografías como os negativos conservaranse en caixas, carpetas e papeis especiais libres de ácidos e custodiaranse nun armario destinado a este fin, onde se manterán a temperatura constante co fin de evitar a súa deterioración. Na súa intervención, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, sinalou que o seguinte paso será a dixitalización de todo o material co fin de poñelo a disposición da cidadanía a través da propia páxina web do Consorcio e contribuír así á súa divulgación. Nesta liña, o alcalde referiuse á “democratización da obra de Estalote” e incidiu na “xenerosidade da familia” á hora de ceder os fondos dun “fotógrafo que retratou a Compostela popular do século XX e nos deixou un anaco da memoria colectiva da cidade”. Martiño Noriega salientou que “o Consorcio comprométese a gardar este legado con profesionalidade e cariño”.

 

Pola súa parte, a sobriña do fotógrafo, Ana Mª Sánchez, agradeceu “o traballo respectuoso do Consorcio de Santiago, o cariño co que acolleu todo o material e as facilidades e asesoramento que proporcionou á familia en relación á mellor conservación posible dos fondos. Síntome orgullosa de compartilo con toda a cidade e que todo o mundo que o desexe poida desfrutalo”.

 

Un fotógrafo ambulante, retratista do cotián

 

Ramón Sánchez Estalote foi un deses fotógrafos ambulantes aos que non lle gustaba o estatismo da foto de estudio, detestaba a insistencia dos mesmos fondos nos retratos e as mesmas poses. Necesitaba o bulicio das aglomeracións nas festas, o axitado ambiente dunha mañá de feira ou o simple paso das nubes. Perseguía sempre un continuo cambio de escenario para as súas tomas. Coa súa cámara Leica ao ombro deambulou durante máis de cinco décadas por Compostela. E cando a cidade de nacemento se lle quedaba pequena, trasladábase ata Os Cantóns da Coruña ou ao barrio do Berbés en Vigo.

 

Estalote traballou dende os catorce anos ata preto de cumprir os noventa

 

Home introvertido, Estalote era un dandi vestido impecablemente con traxe escuro que escondía a súa timidez detrás dunhas lentes de alta gradación. Poucos datos existen sobre a súa biografía. É a súa profesión a que nos achega as pegadas vitais necesarias para reconstruír a figura deste profesional, que entra a traballar no compostelán negocio de Fotos Gamallo aos catorce anos e mantense activo ata preto xa de cumprir os noventa.

 

A través das súas imaxes é posible seguir o rastro dun sumario histórico que se inicia nos anos vinte, cando realiza os seus primeiros encargos, retratos colectivos de escolas e vistas da catedral. Despois da paréntese da Guerra Civil, xa na década dos corenta, retoma o seu labor, retratando a diversos personaxes da xerarquía política e relixiosa, retratos que serán nesa época, xunto aos desfiles militares e as procesións, algúns dos seus pretextos máis habituais.

 

Pero á marxe destas descricións “oficiais”, determinadas pola propia conxuntura social e política, o fotógrafo levantou acta da memoria do seu tempo na variada representación do cotián. En moitas ocasións as súas fotografías foron utilizadas como postais para os turistas, aínda que nelas non figuraba o nome do autor, silenciado porque, entón, o traballo do fotógrafo considerábase só un oficio e non unha actividade artística.

 

O Consorcio xa editou un libro e promoveu unha exposición con imaxes de Estalote

 

Baixo o título “Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo”, o Consorcio promoveu en 2015 unha exposición de imaxes do compostelán que se repartía entre a Casa do Cabido e o Museo do Pobo Galego e aglutinaba máis dun centenar de instantáneas. E a finais de 2016 presentábase unha publicación homónima, coeditada polo Consorcio e Teófilo Edicións, baixo a autoría de Mercedes Rozas, cunha selección de máis de 200 fotos.