
O Consorcio de Santiago iniciará nos próximos días as obras de mantemento preventivo e correctivo na Casa do Cabido, edificio do que o organismo é propietario e promotor do uso cultural que ten na actualidade. As obras non interferirán co funcionamento do inmoble, que actualmente acolle a exposición de fotografía "Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924".
Estas tarefas de mantemento céntranse na conservación da cornixa e o peite, nos que se realizarán actuacións de limpeza, combate do biodeteriodo, reforzo da hidrofugación e renovación do rexuntado. Tamén farase un repintado dos elementos metálicos, ferraxes e balcóns do inmoble, previa eliminación de óxidos, así como unha pintura das carpinterías de madeira exteriores. A maiores, inclúese a instalación na fachada do edificio dos soportes para o despregamento de bandeirolas identificables das exposicións en curso dentro do edificio.
A obra foi adxudicada á Obras Gallaecia, unha empresa local especializada en obras de rehabilitación, por un importe total de 72.248,69 EUR. Estes labores so poderán ser realizados por man de obra especializada en restauración de pedra, concretamente de granito, debido ao valor histórico, artístico e arquitectónico do edificio, e prohíbese expresamente na limpeza o emprego de lanzadores de auga ou area a calquera presión. Asemade, as actuacións de conservación seguen os protocolos e materiais utilizados na obra orixinal de recuperación realizada previamente no 2011 polo Consorcio de Santiago, dos que se contrastou a súa durabilidade.
Un inmoble único
A Casa do Cabido, construída polo mestre de obras Clemente Fernández Sarela entre os anos 1755 e 1758, é unha peza única dentro da trama urbana compostelá e, tras a fachada barroca do Obradoiro da Catedral do mestre Fernando de Casas Novoa, a máis significativa intervención do conxunto de características escenografías barroca da capital de Galicia.
A edificación naceu como unha resposta urbanística do Cabido Catedralicio para conformar o entorno da Catedral na Praza de Praterías. Orixinalmente o solar do inmoble estaba ocupado por tres vivendas que se abrían á praza, dificultando o paso dos carros. Isto sumado á intención de dotar de maior beleza á praza, leva ao Cabido á adquisición de dúas das tres vivendas, que foron demolidas, mentres que a terceira, na esquina coa rúa Raíña, mantivo a súa independencia parcialmente tal e como se pode intuír hoxe visitando o edificio, pois o arquitecto Sarela resolveu esta circunstancia envolvendo as tres vivendas de maneira unitaria coa fachada barroca.
O resultado da obra foi un edificio de vivendas para cóengos que termina por ser unha fachada ideada como fondo escénico, cunha profundidade do fondo interior de 2,70m. A pesar disto, foron habilitadas catro vivendas nas plantas superiores e no seu baixo creáronse dúas tendas, unha delas aínda hoxe aberta ao pública e a outra tamén visitable pois está integrada no espazo expositivo.
O Consorcio de Santiago adquiriu a titularidade do inmoble no 2008, e despois da redacción do proxecto na súa Oficina Técnica e a aprobación orzamentaria das obras, no 2011 iniciouse a recuperación do edificio, que atopábase nun estado de conservación deficiente e progresivo deterioro. Finalmente, a Casa do Cabido abriu as súas portas ao público no 2012, coa exposición inaugural "Compostella dicitur".