
O Consorcio de Santiago e aCentral Folque presentaron este venres 2 de maio no Paraninfo da Universidade de Santiago a obra Taibo. Verso libre da música galega. Compostela / México D.F., de Alberto Cancela Montes e pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio.
Na presentación o autor estivo acompañado pola alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; a prologuista do libro, Montse Capelán e o editor de aCentral Folque Ramón Pinheiro Almuinha.
O acto contou cunha intervención musical a cargo dos músicos Abe Rábade e Alejandro Vargas, que interpretaron a obra Carmeliña. Danza galaica I, unha muiñeira para piano composta por Luís Taibo e publicada por unha editorial descoñecida a comezos do 1899. A partitura foi enviada polo propio autor ao arquivo da Real Academia Galega en 1949, onde se conserva actualmente.
Taibo. Verso libre da música galega. Compostela / México D.F. ofrece unha minuciosa biografía da persoa poliédrica de Luís Taibo (Santiago de Compostela, 1877 – México D.F., 1954). Foi compositor, pianista, director, escritor e médico, ademais dunha figura esencial nos diferentes movementos galeguistas de finais do século XIX e primeira metade do XX. Divido entre Galicia e México, país que o acolleu e lle permitiu desenvolverse plenamente, no ámbito musical supón un paso máis cara o nacionalismo galego, dende un estilo moi persoal e sempre enraizado na tradición galega. Este volume conta cun catálogo completo das súas obras, así como cun apartado documental con partituras, epistolario e textos literarios.
Música e historia
A alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, durante a súa intervención, puxo en valor a figura de Luis Taibo como un personaxe singular: “Metade médico e metade músico. Galego e galeguista, mais con esa vida e fortuna profesional partillada entre a Galiza e México.”
Nas palabras de Goretti Sanmartín, trátase dun libro cun luxo de contidos reunidos e clasificados polo autor grazas a un rigoroso traballo que buscou rescatar unha figura esquecida de maneira sólida e atractiva.
Asemade, engadiu a importancia de tomar máis consciencia da importancia da relación da música con outras disciplinas artísticas e sobre como esta simbiose contribúe a conformar o noso sistema cultural.
Sobre o autor
Alberto Cancela Montes (Santiago de Compostela, 1984) é diplomado en Educación Musical pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo, onde tamén se doutorou en 2020. Ten publicados diversos traballos de investigación relacionados coa vida musical en Galicia entre a segunda metade do século XIX e a primeira do XX. Precisamente cun traballo sobre a familia de músicos Courtier e, en colaboración coa súa irmá a tamén doutora Beatriz Cancela, obtivo en 2011 unha «Mención Especial» no II Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. Xunto con Sixto Gómez deu forma a “Chané. O nacemento da Música Popular Galega“, editado por aCentral Folque, no que se narra a vida de José Castro González “Chané”, nome fundamental na revolución que viviu música galega na súa época.