O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar Compostela 1780-1907: una aproximación a la ciudad decimonónica, de Andrés Rosende Valdés, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago. O alcalde de Santiago, Ángel Currás, presentou a publicación no Museo das Peregrinacións e de Santiago. O libro recolle a historia urbana de Compostela ao longo do século XIX.
Despois da publicación do seu estudo titulado Una historia urbana. Compostela 1595-1780, Andrés Rosende aborda neste novo traballo a rede viaria e as súas transformacións no ámbito do casco histórico. Achégase ao proceso de monumentalización que experimentou a cidade nesta época, así como á reconstrución da arquitectura residencial. Tamén repara no fenómeno da hixiene e a seguridade. Trátase dun estudo inédito e necesario que permite coñecer a fondo a transformación da cidade decimonónica.
A importancia das rúas
Ao longo de 367 páxinas o autor trata aspectos como o proceso de urbanización da cidade, destacando algúns proxectos que nunca chegaron a realizarse. Céntrase na súa singular edificación e mesmo na arquitectura do lecer, a través de espazos tan característicos como os teatros, os cafés e os casinos. Detense nos estilos das rúas e das súas fachadas. E afonda nos usos que durante estes anos se lle daba á rúa. Todo isto ilústrase con fotofrafías históricas e actuais, debuxos e planos dos edificios e rúas máis emblemáticas da cidade.
“A investigación céntrase na trama urbana porque, entre as sinais de identidade dunha cidade, a rúa ocupa un lugar de primeira orde, ata o punto de que se responsabiliza de configurar o seu armazón, de establecer o seu esqueleto. Podería dicirse que toda cidade ten a súa orixe na rúa. E co seu estudo podemos reconstruír a propia historia da cidade” -manifesta o historiador-.
En 1750 Santiago tiña máis do dobre de habitantes que a Coruña e seis veces máis que Vigo
Cara 1750 en Santiago a poboación roldaba os 16.000 habitantes, máis do dobre que a da Coruña e máis de seis veces que a de Vigo. A expansión demográfica estaba vencellada á boa situación económica do mundo rural, que permitiu o fluxo dun maior número de rendas á cidade. Isto traduciuse nunha grande actitivade construtiva. A burguesía orientada ao comercio e á banca será a que se encargue de orientar os cambios que experimente a urbe no século XIX.
Na cidade decimonónica altérase a idea de monumento. Nos inicios do novo século obsérvase un cambio de comportamento. En poucos anos a capacidade económica da Igrexa vense abaixo. As novas construcións diríxense dende o ámbito privado e tamén dende a Administración Central, no primeiro caso buscando a ostentación individual e no segundo tratando de reforzar determinados ámbitos da política social como o educativo ou o asistencial. Ademais, co incremento da poboación renóvase a arquitectura residencial, que contribuíu en gran medida a configurar a paisaxe urbana actual.
Unha cidade máis hixiénica, transitable, mellor construída e máis divertida
O XIX foi para Santiago un tempo de progreso. Entre outros aspectos, o autor salienta que foi o século do ferrocarril, no que Compostela foi pioneira en Galicia. Pero tamén do alumeado público, da hixienización, do acondicionamento viario e da democratización monumental.
Durante estes anos solventáronse infinidade de carencias e Compostela conseguiu ser unha cidade máis hixiénica, posto que se xeneralizou a rede de sumidoiros, creouse unha regulamentación de desaugadoiros e levouse a cabo a canalización das augas pluviais. Fíxose máis transitable grazas á rectificación do trazado e á mellora do empedrado; e máis desafogada debido á retirada de voladizos de todo tipo e á supresión de soportais. Segundo o historiador, avanzouse nunha cidade “mellor construída”, xa que se reemprazou a “anárquica, débil e destartalada” arquitectura residencial; e máis monumental, ao xeneralizarse o uso da pedra.
Rosende fai fincapé en que xorde a iluminación nocturna e tamén unha cidade máis entretida e mellor relacionada a través do teatro, o casino, os cafés e as asociacións de carácter profesional ou recreativo. Unha cidade máis fermosa; máis dinámica, grazas á mellora das comunicacións, a unha vida estudantil máis axitada politica e intelectualmente e, en xeral, máis próspera e mellor lexislada.