O Consorcio de Santiago, Alvarellos Editora e a Xunta de Galicia publican Salón Teatro. Corazón do espectáculo, un libro divulgativo escrito polo profesor de Historia da Arte de Universidade de Santiago de Compostela Jesús Ángel Sánchez García. A historia desta sala de espectáculos, que iniciou a súa andaina o 30 de outubro de 1920, así como a súa arquitectura e deseño construtivo conforman un relato profusamente ilustrado con documentos de época: fotos, planos, anuncios da carteleira, reseñas de prensa, etcétera.
O profesor Sánchez indica que o Salón Teatro respondía a unha tipoloxía de locais de espectáculos característica dos primeiros anos do s. XX, cun aforo inferior ás cincocentas localidades, onde se celebraban números de variedades, prestidixitadores e malabaristas, entre os que o cine se foi introducindo ata ocupar toda a programación. El signo del zorro (1922), Quo vadis? (1923), La casa de la Troya (1926), Carmen (19289 ou Ben Hur (1929) son títulos que se estrearon alí neses anos, ademais de dous festivais de música en 1925 e 1926 ofrecidos pola Orquesta Sinfónica de Madrid, que dirixía o mestre Arbós.
O Salón Teatro, engade o autor, concibiuse como local de actividades culturais e sociais da Casa Social Católica, no que ademais de cine había conferencias, teatro e veladas benéficas; pero tamén tiveron o seu sitio mítins políticos durante o decenio dos anos trinta. En 1945 adquiriu a sala a Empresa Fraga de Espectáculos, sociedade mercantil que solicitou para ela a súa calificación como “sala especial” en 1976, iniciándose entón a exhibición de películas en versión orixinal ou subtituladas “que orixinaban enormes colas e expectación, como Amarcord, Historia de O, La caída de los dioses, La naranja mecánica ou Novecento”, segundo destaca o profesor Sánchez.
O edificio, obra do arquitecto Jesús López de Rego, conserva a fachada preexistente
O arquitecto do Salón Teatro foi Jesús López de Rego (1886-1972), “que se moveu entre o modernismo, o eclecticismo e o estilo historicista” -apunta o autor do libro-; en 1949 realizou unha intervención no seu interior o arquitecto conservador da cidade histórica, Pons Sorolla; e tralo incendio sufrido en 1994 foi rehabilitado polo estudio de arquitectos de Rafael Baltar, José Antonio Bartolomé e Carlos Almuíña, “con ampla experiencia en recuperación de teatros galegos”, entre eles, o Teatro Principal, na mesma rúa. Daquela, a nova sala reduciu o seu aforo e cambiou a súa configuración para servir como sé do Centro Dramático Galego, acollendo as súas oficinas de xestión, así como un espazo escénico apto para ensaios e funcións públicas.
“O primeiro proxecto para a fachada do Salón Teatro que fixo López de Rego, con uso de cemento para unha composición de liñas eclécticas nas que destacaba o volume da cabina proxectado cara á rúa, foi censurado na comisión de obras municipal, recomendándose que o revisase para harmonizalo con estilo compostelán típico da poboación. Así foi como se decidiu manter a fachada do vello caserón que xa existía, de forma que a construción do Salón Teatro marcou un punto de inflexión para a conservación do ambiente urbano e elementos considerados como típicos do casco histórico compostelán”, tal como explica o profesor Sánchez García, especialista en historia da arquitectura e do urbanismo.