O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar La ciudad heredada. Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950 do arquitecto e profesor compostelán Pablo Costa Buján.
Esta publicación é parte da tese de doutoramento de Pablo Costa, que dirixiu o catedrático da Universidade da Coruña José Antonio Franco Taboada e pola que obtivo un premio extraordinario. Estudou a cidade durante máis de tres décadas e integrou o reducido grupo de arquitectos que elaborou o expediente presentado á UNESCO no ano 1984 para optar á Declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade.
O autor sinala que “a bibliografía existente sobre Compostela é abrumadora. Todos os estudos son pezas do mesmo puzzle que teñen como testemuño á cidade herdada. Sobre o século XIX e primeira metade do XX, non obstante, en contraste cos períodos anteriores, a carencia de datos é patente. Tal situación permite afirmar que esta etapa apenas foi estudada”. Así, asegura que boa parte dos estudos que había ata o momento sobre este período carecían de datos históricos suficientemente contrastados; en concreto, case non hai traballos relativos á reforma interior da cidade e aos seus bordos.
Esta investigación indaga, pois, na falta de coñecemento sobre os cambios morfolóxicos da cidade de Santiago de Compostela e a súa metamorfose contemporánea. Céntrase no período 1778-1950, tempo coincidente coa conclusión das grandes obras eclesiásticas e o inicio da racionalización da cidade, con outra organización, desenvolvemento e implantación de novas estruturas para a convivencia mundana. Nesta liña, tal como indica Costa, é “unha senda que se inicia na ancestral Compostela do onte e remata co nacemento do vello Santiago de hoxe”.
O autor recompilou e estudou planos, debuxos e manuscritos históricos, moitos deles inéditos ou esquecidos
O arquitecto explica que o proceso investigador descansou na recuperación, recompilación e posta en valor de toda unha serie de documentos gráficos e escritos de distintas épocas, moitos deles esquecidos, outros inéditos. Trátase de planos, debuxos, manuscritos, estudos históricos, ata relatos de viaxes de personaxes ilustres como o Conde inglés de Sandwich en 1666 ou o de Cósimo III de Médici en 1669. Esta documentación gráfica, moita da cal se recolle na publicación, compleméntase ademais cunha análise da mutación sufrida pola Catedral e o seu contorno.
Como punto de partida deste estudo, o arquitecto tomou o momento no que a evolución da cidade cristalizou nun modelo que era froito esencialmente do seu legado barroco. Para iso apoiouse no manuscrito de Pedro de la Peña de 1778, que cartografía de xeito minucioso a vella urbe; así como o plano do Mestre Freire, datado en 1783, que acaba de reflectir con grande exactitude a escena urbana.
Esta publicación forma parte dunha investigación máis ampla, que se estrutura en dous grandes bloques. Neste primeiro ponse o foco na conformación do núcleo da cidade compostelá; como se foi transformando e consolidando o seu casco antigo e os seus bordos históricos adxacentes; como se foron producindo cambios morfolóxicos como o incremento da altura edificada ou a irrupción da galería acristalada; como foron evolucionando as prazas e as rúas que hoxe coñecemos; ou que proceso sufriu a construción de espazos e edificios emblemáticos como a Facultade de Medicina, o Hospital Clínico ou a Praza de Abastos. O segundo bloque desta investigación, que será obxecto dunha edición futura, céntrase na expansión urbana da cidade, coa creación dos ensanches lúdico, residencial e universitario.
Unha novela histórica
“O profesor Costa coa súa obra axúdanos a acabar de entender que os lugares nos que habitamos non son tan só edificios senón tamén e, sobre todo, a cidade que configuran e na que se desenvolven todas as actividades que poderiamos definir como públicas das nosas vidas” -manifesta o profesor José Antonio Franco Taboada no prólogo do libro-. E afirma que a publicación semella unha “novela histórica” polo escaso emprego de tecnicismos. Pola súa parte, o autor afirma que “a investigación trata de manter unha cautelosa conciencia sobre o noso patrimonio máis sensible, dignificar a súa realidade e poñela en valor para a súa protección e permanencia futura”.