O Consorcio da cidade de Santiago de Compostela é o órgano executor do Real Padroado de Santiago, no que se materializa a cooperación institucional entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago. Creado en 1992, ten a condición de Entidade de dereito público de carácter interadministrativo, de titularidade municipal, con personalidade xurídica propia e con patrimonio propio.
Órganos de goberno e administración:
-Consello de Administración
-Comisión Executiva
-Presidente
-Xerente
A súa condición de ente interadministrativo permitiu desenvolver políticas de recuperación urbana, de actualización de infraestruturas e equipamentos e de recuperación do espazo público. Todo iso baixo a convicción de que a conservación e posta en valor do patrimonio histórico de Santiago de Compostela pode ser o motor da transformación contemporánea da cidade. Xunto a estas accións, o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela promove políticas de acción cultural e de estudo e interpretación da historia da cidade e do fenómeno xacobeo.
O compromiso cooperativo das administracións implicadas no Consorcio da cidade de Santiago de Compostela responde o obxectivo e oportunidade de articular, no noroeste da península ibérica e en consonancia co carácter europeísta do fenómeno xacobeo, un proxecto urbano de fortalecemento social, cultural e turístico para a capital de Galicia.
Sede: Pazo de Vaamonde (Rúa do Vilar, 59)