En 1991 nacía o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, a partir da reformulación dun organismo que, como tal, xa existía dende 1964. O seu obxectivo principal é o de coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago de Compostela e do seu patrimonio cultural. O órgano executor das accións marcadas polo Real Padroado é o Consorcio da cidade de Santiago de Compostela, instituído en 1992.
O Real Padroado de Santiago mantén a súa sede na cidade de Santiago. Segundo o decreto de constitución, a presidencia de honra corresponde ao Rei de España e a presidencia ao Presidente do Goberno. Forman parte do mesmo varios ministros, o presidente da Xunta de Galicia, o delegado do Goberno en Galicia, o alcalde de Santiago, o Arcebispo de Santiago e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
O Real Padroado ten como obxectivo promover e coordinar todas aquelas accións que deban realizar en Santiago de Compostela as administracións e entidades que o compoñen, dirixidas á preservación e revitalización do Patrimonio Cultural representado pola Cidade de Santiago, nos seus aspectos histórico-artísticos e arquitectónicos, á difusión dos valores europeístas e ao desenvolvemento e potenciación das actividades turísticas e culturais vinculadas ao itinerario xacobeo.
Para alcanzar ese obxectivo, o labor do Real Padroado é:
a) Promover a execución de obras, servizos e instalacións en xeral, así como a construción e establecemento de medios adecuados de transportes e comunicacións urbanos e interurbanos relacionados cos obxectivos do Padroado.
b) Impulsar a coordinación dos investimentos que se proxecten polas administracións central, autonómica e local, para a realización das obras, servizos e instalacións antes referidas.
c) Promocionar iniciativas e proxectos culturais dirixidos á potenciación da cidade de Compostela na súa condición de lugar de encontro europeo.