
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron este martes 21 de outubro no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo a publicación "Historia do antigo concello de Conxo", unha obra colectiva coordinada polo historiador Rafael García Ferreira e pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio.
Na presentación o coordinador do volume estivo acompañado por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Henrique Alvarellos Casas, director de Alvarellos Editora; Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago; e os representantes de Conxo aberto, Juan Jesús Santos Villaverde e Eva Armental Luaces.
A obra "Historia do antigo concello de Conxo" recolle doce traballos de investigación sobre temas relacionados coa historia, o patrimonio e a vida cotiá do concello de Conxo, que foi un municipio independente durante case un século, entre 1835 e 1925, cumprindo neste ano 2025 o centenario da súa anexión a Santiago de Compostela.
No volume trátanse desde fitos sociais e políticos, como o Banquete de Conxo de 1856 ou os movementos obreiros de 1898, ata o valioso patrimonio arqueolóxico e arquitectónico do antigo concello, representado respectivamente no seu petróglifo e castro e na Igrexa e conxunto monumental de Santa María a Real de Conxo. Tamén explóranse temáticas como o asociacionismo ou o papel das mulleres no concello.
Un lugar singular
Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo en valor a singularidade de Conxo e a súa historia propia, asegurando que "Santiago non se entende sen Conxo". Asemade, reivindicou a importancia histórica dos acontecementos singulares sucedidos en Conxo durante os 90 anos nos que foi un municipio independente, como o nacemento de Rosalía de Castro ou a creación da primeira liña ferroviaria galega, que ía entre Cornes e Carril.
Obra colectiva
Na publicación "Historia do antigo concello de Conxo" recóllense novos traballos de investigación nos que se inclúe a publicación de 50 fotografías e documentación histórica. Coordinados polo historiador Rafael García Ferreira, no volume participaron os especialistas Francisco Alonso Toucido, Conchi López Sánchez, Alfonso Iglesias Amorín, Noelia Valiño Vázquez, Ana Pérez Varela, Encarna Otero Cepeda, Miguel Cabo Villaverde, Daniel Lanero Táboas e Antonio Míguez Macho.