O Consorcio de Santiago comeza os estudos previos para redactar o proxecto de restauración da Fonte dos Cabalos da Praza de Praterías

Fonte dos Cabalos
martes, 3 Febreiro, 2026

O Consorcio de Santiago continúa avanzando nos traballos previos á restauración da coñecida como Fonte dos Cabalos, situada na Praza de Praterías. Nestes días, persoal especializado en restauración e conservación de patrimonio cultural está a facer estudos das patoloxías da fonte para coñecer con maior precisión as características dos materiais e o seu estado de conservación.

 

Estes estudos dan continuidade aos traballos xa realizados, entre os que se inclúen o levantamento tridimensional, fotogramétrico e de escáner láser do conxunto (https://sketchfab.com/3d-models/fonte-dos-cabalos-santiago-de-compostela-b45a0f036b0146a2aaa0b5576ed19661), que ademais do modelo 3D permitiron obter unha documentación gráfica detallada da fonte.

 

A información recompilada nestas análises resultará fundamental para definir con rigor as actuacións necesarias.

 

Todo o material recollido permitirá coñecer os materiais pétreos, os depósitos e alteracións existentes, así como outros elementos relevantes para a correcta diagnose do conxunto. Deste xeito, poderase proceder á redacción do proxecto de limpeza, restauración e conservación da Fonte dos Cabalos con pleno coñecemento do seu estado actual.

 

O proxecto terá en conta, así mesmo, o sistema de canalizacións e fontanaría da fonte, co obxectivo de garantir unha intervención integral, respectuosa cos valores históricos e patrimoniais do monumento e axeitada ás súas condicións estruturais e funcionais.

 

Esta actuación enmárcase no compromiso do Consorcio de Santiago coa conservación, protección e posta en valor do patrimonio histórico da cidade, e forma parte das intervencións programadas para asegurar a preservación dun dos elementos máis singulares do conxunto monumental de Santiago de Compostela.