
A Casa do Cabido acolle a exposición “Compostela nocturna, mírame!”, unha mostra que permite coñecer o proceso e os resultados do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago, impulsado polo Concello de Santiago e cofinanciado por la Secretaría de Estado de Turismo (Gobierno de España), a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística.
A exposición, instalada na parte baixa da Casa do Cabido, no ámbito da praza das Praterías, permanecerá aberta ao público ata o 31 de maio e reúne nun total de nove paneis información sobre o desenvolvemento do certame, os criterios de valoración, as propostas finalistas e o proxecto gañador, que servirá de base para a futura iluminación da contorna monumental da Catedral.
A mostra céntrase especialmente no proxecto Hermes, do estudo Intervento, gañador do concurso internacional. O xurado valorou a súa proposta como unha intervención completa, eficiente, respectuosa e viable, destacando especialmente a capacidade de resolver a iluminación ornamental sen incorporar novos elementos sobre as cubertas da Catedral.
A proposta concibe a iluminación como unha capa integrada na arquitectura e na morfoloxía urbana compostelá, buscando unha intervención reversible, sustentable e respectuosa coa percepción nocturna da cidade histórica. O proxecto aposta por unha iluminación gradual e equilibrada, xerarquizando os distintos elementos patrimoniais e favorecendo transicións suaves entre os espazos monumentais.
A cidadanía poderá participar ademais en visitas guiadas gratuítas á exposición os días 21, 26 e 28 de maio ás 18:30 horas na Casa do Cabido, sen necesidade de inscrición previa ata completar aforo.