
O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron o xoves 25 de xuño no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento a publicación “Monjes y frailes arquitectos en la Galicia del Barroco”, de Paula Pita Galán, e pertencente á Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago.
Na presentación a autora estivo acompañada por José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Juan Blanco Valdés, director de Publicacións da USC; Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da Arte da USC e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.
A obra constitúe unha achega de referencia ao coñecemento da arquitectura relixiosa galega da Idade Moderna, a través do estudo dos monxes e frades que desenvolveron unha intensa actividade como arquitectos, mestres de obras e técnicos ao servizo das súas comunidades e doutros promotores públicos e privados entre os séculos XVI e XVIII.
Partindo dunha ampla investigación documental e acompañada dun destacado aparato gráfico, a autora analiza o papel desempeñado polos relixiosos arquitectos no proceso de renovación, ampliación e construción de mosteiros e conventos durante o Barroco, así como a súa formación, as súas fontes de coñecemento e as relacións profesionais que estableceron con outros axentes da promoción artística da época.
A publicación dedica especial atención a algúns dos principais arquitectos relixiosos que desenvolveron a súa actividade en Galicia durante a Idade Moderna, entre eles frei Tomás Alonso, autor da coñecida balconada do Hospital Real de Santiago, ou frei Gabriel de Casas, responsable da portería do mosteiro de San Martiño Pinario. Xunto a eles, a investigación recupera a traxectoria doutros mestres pertencentes ás ordes regulares que contribuíron decisivamente á configuración do patrimonio arquitectónico galego dos séculos XVI ao XVIII.
Sobre a autora
Paula Pita Galán é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, con Mención Internacional e Premio Extraordinario. No ano 2005 comezou a súa carreira investigadora, centrándose na historia da arquitectura e do urbanismo barrocos e na teoría artística española durante a Idade Moderna. Nese tempo realizou estadías en centros nacionais e internacionais, como o Centro Italiano di Studi Compostellani, o Kunsthistorisches Institut in Florence ou o Bryn Mawr College (Estados Unidos), ao que viaxou grazas a unha bolsa Fulbright.
O seu principal campo de investigación centrouse nos traballos e nas vidas dos arquitectos membros de ordes relixiosas, asunto sobre o que publicou os libros “El manuscrito de Fray Bernardo Foyo y el plano de Fray Plácido Caamiña” (2007) e “Fray Manuel de los Mártires, maestro de obras de San Domingos de Bonaval“ (Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, 2017) así como diversos capítulos de libros e artigos en revistas especializadas.
Entre 2022 y enero de 2026 fue profesora ayudante doctora en el Departamento de Historia del Arte de la Universidad de Granada, hasta su incorporación como Científica Titular al IEGPS (CSIC-Xunta de Galicia).