
O Consorcio de Santiago publicou hoxe na Plataforma de Contratación do Sector Público a adxudicación do contrato para a execución das obras de mellora da eficiencia enerxética da fachada norte do Pazo de Raxoi. A actuación foi adxudicada á empresa OBRAS GALLAECIA, S.L. por un importe de 614.073,86 euros (IVE incluído).
O proxecto ten como obxectivo mellorar o comportamento térmico da envolvente do edificio e corrixir as patoloxías detectadas na fachada norte, derivadas tanto do envellecemento natural dos materiais como da acción continuada dos axentes ambientais. Entre elas figuran problemas de humidades, filtracións, deficiencias de estanqueidade e perdas de eficiencia enerxética que afectan tanto á conservación do inmoble como ás condicións de uso dos espazos interiores.
O Pazo de Raxoi constitúe un dos edificios máis representativos do conxunto histórico de Santiago de Compostela. Construído no século XVIII e cun uso institucional continuado desde entón, compatibiliza o seu elevado valor patrimonial coa función de sede de diferentes administracións públicas, circunstancia que fai necesario acometer actuacións periódicas que garantan tanto a súa conservación como a súa adaptación ás actuais esixencias de eficiencia enerxética e confort.
Actuacións previstas
A intervención permitirá actuar sobre os principais elementos da fachada norte que presentan un maior grao de deterioración debido ao paso do tempo e á exposición continuada aos axentes atmosféricos. Entre os traballos previstos inclúense o saneamento e limpeza dos paramentos de cantaría, a renovación dos rexuntados e dos tratamentos hidrofugantes para recuperar a estanqueidade da fachada e evitar a aparición de novas filtracións.
Así mesmo, substituiranse todas as carpintarías da fachada norte por outras de maiores prestacións térmicas e acústicas, incorporando sistemas oscilo-batentes e mecanismos motorizados nas fiestras de máis difícil acceso para facilitar a ventilación dos espazos. Nas dependencias onde está previsto actuar para reducir a concentración de gas radón instalaranse tamén ventiladores integrados nas ventás.
As obras contemplan igualmente a restauración das reixas de ferro forxado e fundición, reparando os elementos pétreos afectados pola corrosión e recolocándoas unha vez tratadas. Completarase a actuación coa reorganización e integración dos distintos cables, tubaxes e instalacións visibles na fachada, mellorando tanto a súa conservación como a imaxe do inmoble.
Deste xeito, a intervención permitirá resolver as patoloxías existentes, mellorar as condicións ambientais e de confort do edificio e reforzar a conservación dun dos inmobles institucionais e patrimoniais máis representativos da cidade histórica, en coherencia cos criterios establecidos no Plan Director de Restauración do Pazo de Raxoi.