
A actuación, cun investimento de 50.765,65 euros e un prazo de execución de dous meses, permitirá conservar dous elementos de gran valor patrimonial e contribuír á preservación dos oficios tradicionais vinculados á restauración
O Consorcio de Santiago vén de publicar, este mércores 15 de xullo, unha nova licitación para a execución das obras de restauración da porta principal da igrexa de Santa María de Conxo e da porta interior de acceso á Capela do Cristo, unha actuación que se enmarca no seu compromiso coa protección, conservación e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e arquitectónico da cidade.
A intervención conta cun orzamento base de licitación de 50.765,65 euros e un prazo de execución de dous meses. O obxectivo é garantir a adecuada conservación de dous elementos singulares do conxunto patrimonial de Santa María de Conxo, afectados polo paso do tempo, o uso continuado e a exposición ás condicións ambientais.
No caso da porta principal da igrexa, os traballos permitirán corrixir os desaxustes que dificultan a súa apertura, reparar os elementos de madeira deteriorados e restaurar as ferraxes e pezas de forxa, preservando os materiais orixinais e mellorando as súas condicións funcionais e de conservación.
Pola súa banda, a intervención na porta interior de acceso á Capela do Cristo permitirá recuperar a parte inferior do cerramento, afectada polas modificacións realizadas no pavimento durante actuacións anteriores, mediante a incorporación de novos elementos de madeira de castiñeiro e a reparación das pezas danadas.
As actuacións previstas inclúen a retirada das portas para a súa restauración en taller, a recuperación dos elementos de madeira e forxa, a renovación dos acabados superficiais e a posterior reposición dos conxuntos restaurados.
Con esta nova licitación, o Consorcio de Santiago continúa impulsando actuacións orientadas á conservación do patrimonio da cidade, garantindo a protección dos seus valores históricos e artísticos e contribuíndo, ademais, á preservación e transmisión dos oficios tradicionais relacionados coa carpintería, a forxa e a restauración de bens culturais.