A Casa do Cabido acolle a exposición “A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista”

xoves, 16 Xullo, 2026

A mostra percorre a transformación urbanística e arquitectónica de Santiago nas primeiras décadas do século XX e incorpora unha recreación en 3D do proxecto que Antonio Palacios deseñou para unir a Porta Faxeira coa praza do Obradoiro

O Consorcio de Santiago inaugurou este xoves 16 de xullo na Casa do Cabido a exposición “A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista”, unha mostra que propón un percorrido pola transformación arquitectónica e urbanística de Santiago de Compostela principalmente nos anos 20 e 30 do século XX, poñendo o foco na arquitectura rexionalista e nos proxectos que contribuíron a construír a identidade da cidade contemporánea.

No acto de apertura participaron a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez Varela; os comisarios da mostra, Jesús Ángel Sánchez García e Santiago Rodríguez Caramés e o coordinador Juan Conde Roa.

A exposición propón un percorrido pola Compostela das primeiras décadas do século XX, un período no que a cidade definiu un modelo arquitectónico propio inspirado na reinterpretación do Románico e do Barroco e na tradición popular, afastándose das correntes racionalistas que se estaban a desenvolver noutras cidades galegas. A arquitectura rexionalista, impulsada inicialmente polo interese do galeguismo por definir un estilo nacional, acabou por conformar unha das facianas máis singulares da capital galega e unha maneira propia de entender a modernidade, estreitamente vinculada á identidade cultural do país. A través de documentos, fotografías, planos, debuxos e material gráfico, a mostra presenta tanto as obras que chegaron a materializarse como numerosos proxectos que nunca foron executados, pero que axudan a comprender a evolución urbana da cidade.

A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.

A Compostela que puido ser
No desenvolvemento das tendencias da arquitectura do século XX a cidade de Santiago de Compostela amosa unha situación singular e diferenciada con respecto a outros ámbitos urbanos como A Coruña ou Vigo: as arquitecturas do racionalismo e da modernidade son moi escasas en comparación co alto número de arquitecturas rexionalistas. Non hai outra cidade galega que presente esa concentración de edificios inspirados por estilos históricos -Románico e Barroco- e tipoloxías vernaculares, o que suxire a metáfora da cidade ensimesmada e que durante décadas estivo a soñarse a si mesma construíndo a cidade do século XX cos “materiais” dun pasado propio.

Desde finais da década de 1910 ata os anos sesenta, a arquitectura rexionalista conviviu con outras tendencias estilísticas, algunhas delas plenamente modernas, o que permite interpretar este fenómeno tanto como a procura dunha modernidade alternativa como unha aposta consciente por unha arquitectura conectada sentimental e culturalmente coa identidade galega.

Os edificios proxectados antes e despois da Guerra Civil demostran a continuidade dun modelo arquitectónico propio, caracterizado pola aposta pola durabilidade, o coidado dos detalles ornamentais e a preservación dos oficios tradicionais, ao tempo que daba resposta ás necesidades funcionais dunha cidade en transformación.

A exposición arma un relato dirixido a descubrir en primeiro lugar os protagonistas e obras escurecidas polo recoñecemento xeral e mais asentado cara as figuras emblemáticas da modernidade na arquitectura do século XX.

O percorrido reúne tanto obras executadas como proxectos que nunca chegaron a materializarse, permitindo descubrir edificios e espazos emblemáticos xunto a propostas que quedaron sobre o papel. Entre elas figuran intervencións para a contorna da Catedral, proxectos urbanísticos para distintos ámbitos da cidade ou iniciativas como a deseñada por Antonio Palacios para a Rúa Galicia.

Entre os recursos máis destacados da mostra figura a colaboración do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG), que elaborou unha animación en 3D e un percorrido virtual de 360 graos para visualizar a proposta que Antonio Palacios concibiu en 1932 para a denominada Rúa Galicia. O proxecto imaxinaba un gran eixo urbano que uniría a Porta Faxeira coa Praza do Obradoiro e se prolongaría ata a Alameda, converténdose nunha das grandes intervencións urbanísticas soñadas para Compostela e que, finalmente, nunca chegou a executarse.

A mostra contextualiza tamén o labor de arquitectos como Antonio Palacios, Eduardo Rodríguez-Losada, Jenaro de la Fuente, Daniel Vázquez Gulías, José María Banet e Díaz-Varela, Manuel Gómez Román ou Constantino Candeira, protagonistas dun momento decisivo para a arquitectura galega. A súa obra deu forma a edificios e equipamentos emblemáticos, como a estación de ferrocarril, o campus universitario ou o Mercado de Abastos, e contribuíu a consolidar unha arquitectura singular, marcada pola reinterpretación da tradición e pola vontade de construír unha identidade propia para Compostela.


Comisariado
A exposición está comisariada por Jesús Ángel Sánchez García, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, e Santiago Rodríguez Caramés, profesor de Historia da Arte da Universidade da Coruña.

A través desta mostra, ambos investigadores ofrecen unha nova lectura sobre a evolución urbanística e arquitectónica de Compostela, combinando o rigor da investigación histórica cunha proposta divulgativa que permite comprender como se foi configurando a imaxe da cidade durante o século XX.