O Consorcio de Santiago presenta unha reimpresión da obra "Historias do Carril-Cornes"

Presentación "Historias do Carril-Cornes"
xoves, 6 Novembro, 2025

O Consorcio de Santiago presentou este xoves 6 de novembro na Casa das Asociacións de Cornes a reimpresión da publicación "Historias do Carril-Cornes", do autor Xoán Luís Miguéns García e pertencente á Biblioteca de Divulgación do Consorcio. Esta reimpresión da primeira edición de 2008 faise con motivo do I Centenario da anexión do Concello de Conxo polo de Santiago de Compostela en 1925.

 

Na presentación o autor do volume estivo acompañado por José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Carlos Abellán Ruiz, autor do prólogo da obra; e Juan Conde Roa, responsable de publicacións do Consorcio de Santiago.

 

En "Historias do Carril-Cornes" recóllense vinte e catro relatos que son, na súa maior parte, produto de supostos feitos que lles sucederon ás persoas que, dalgún modo, tiñan algunha relación co primeiro "camiño de ferro" galego, ben sexa como ferroviarios, como viaxeiros ou outro tipo de vínculo con este singular ferrocarril que inicialmente uniu Santiago de Compostela co mar de Arousa.

 

As historias que reúne este volume, que varían en extensión, reflicten feitos característicos das diferentes épocas nas que se encadran estes relatos e que, a través deles, permiten albiscar como se desenvolvía o mundo ferroviario galego na sociedade do derradeiro terzo do século XIX e boa parte do século XX. Nos relatos trátanse temas moi variados desde diferentes rexistros, como o contrabando de penicilina ou a catástrofe de Pazos de 1952.

 

Xoán Luís Miguéns García

 

Nado en Vilagarcía de Arousa, traballou durante máis de 40 anos no sector ferroviario, polo que ten coñecemento de experiencias de primeira man que reflicten a importancia do ferrocarril en Galicia, que xa plasmou noutros relatos previos.