Últimos días para visitar a mostra fotográfica de Ksado

Exposición Ksado
luns, 18 Novembro, 2024

O vindeiro domingo 24 de novembro será o derradeiro día no que se poderá visitar a mostra da Casa do Cabido, que recolle o traballo do fotógrafo Luís Casado, de nome artístico Ksado. Esta exposición pode visitarse de balde en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.

 

A exposición, que estivo dispoñible desde xullo, acadou grande éxito de público durante os catro meses nos que estivo aberta. Nela faise unha homenaxe para dar a coñecer e revalorizar a figura de Ksado a través de arredor de 300 obxectos entre imaxes, postais de promoción, cromos e material fotográfico orixinal, así como unha cámara de fotos pertencente ao propio fotografo.

 

Ksado (1888-1972)

Luís Casado, de nome artístico Ksado, foi un fotógrafo español coñecido pola súas fotografías de Galicia de principios do século XX. Fillo dun ex militar que obtivo un posto na Facenda, a primeira infancia de Ksado foi unha peregrinación polos distintos destinos do pai: Ávila, Burgos, Huesca, A Coruña... Finalmente, en 1894 a familia chegou a Ourense, e con quince anos entrou de aprendiz no estudio fotográfico de José Pacheco. Posteriormente tomou a decisión de establecerse pola súa conta, abrindo un estudo en Santiago de Compostela e despois en Vigo. Recoñecido polas novas xeracións de fotógrafos, a moitos dos cales aprendeu o oficio, faleceu en Santiago de Compostela en febreiro de 1972, na rúa República Arxentina. Hoxe, máis de medio século despois, a súa fotografía continúa presente nesta terra que o acolleu.