Outras actuacións

Plan Especial de Protección e Rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo

 

O conxunto do mosteiro de Conxo está declarado Ben de Interese Cultural pola súa excepcional calidade arquitectónica e valor histórico e está incluído na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO xunto coa Cidade Histórica de Santiago. Así, o Plan Especial de Protección e Rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo terá como finalidade guiar as intervencións de mantemento, conservación, consolidación, restauración e rehabilitación, e trazar o perímetro da área de amortecemento do conxunto Patrimonio Mundial; co obxecto de manter a integridade do ben patrimonial -o seu Valor Universal Excepcional (VUE)-, buscando a súa sostibilidade. O Plan inclúe os xardíns e hortas, zonas de acceso e núcleos do contorno (PE-1R), co ámbito delimitado polo vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal.

 




Plan Director do Parque da Alameda


O Parque da Alameda de Santa Susana está catalogado como Xardín Histórico. O Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago dispón a necesidade de redacción dun Plan Director, co fin de establecer as pautas para a súa restauración e mantemento futuro. O Plan, que estará dirixido por arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio, incluirá os espazos situados entre a trama urbana e a Alameda, así como as conexións e relacións co Campus Sur da Universidade de Santiago.

 



Plan Director da Facutade de Xeografía e Historia


A Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade manteñen un convenio para a redacción do Plan Director do edificio da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Unha Comisión Paritaria encárgase de coordinar as actuacións entre as dúas entidades.

 



Plan Director do Pazo de Raxoi


Froito dun convenio co Concello de Santiago, levouse a cabo a redacción do Plan Director de todo o edificio. Establécese un plan de usos dos espazos dispoñibles, faise un diagnóstico dos problemas existentes (patoloxías da pedra, problemas estruturais e de cuberta, presenza do radón, replanteo das instalacións, accesibilidade, eficiencia enerxética...), propóñense solucións aos mesmos e priorízanse as intervencións a través dun plan de actuacións e investimentos.

 

    



Plan Especial do Camiño Francés


O Consorcio de Santiago colabora co Concello da cidade na redacción dun Plan Especial Director de Ordenación e Rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3). O ordenamento desta zona é vital para a cidade posto que por esta entrada prodúcese a maior afluencia de peregrinos á cidade histórica, o que conleva un impacto significativo tanto nas infraestruturas como na percepción do camiñante.

 

 

 

Plan Especial Castelo da Rocha


O Consorcio de Santiago colabora co Concello da cidade na redacción dun Plan Especial de ordenación do xacemento arqueolóxico do castelo da Rocha e a súa contorna, que estableza os criterios xerais de intervención e defina os obxectivos con respecto aos restos arqueolóxicos e o ámbito natural que os rodea.

 

 

 



Plan Director San Domingos de Bonaval


O Consorcio de Santiago impulsou a redacción dun Plan Director para o conxunto monumental de San Domingos de Bonaval, importante espazo histórico no que se atopan o Museo do Pobo Galego, a antiga igrexa de San Domingos, o Panteón de Galegos Ilustres e a capela do Rosario.

 

 

  



Instituto de Ciencias do Patrimonio


En 2011 o Consorcio de Santiago colaborou co CSIC na organización dun concurso de ideas para elixir o proxecto do edificio que albergará a sede do Instituto de Ciencias do Patrimonio, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas. O xurado seleccionou o proxecto presentado polo estudo de arquitectura Pesqueira Ulargui, caracterizado pola súa funcionalidade, integración na paisaxe e a súa eficiencia enerxética. O futuro centro levantarase xunto espazo verde das Brañas de Sar, na ladeira do outeiro onde se levanta a Cidade da Cultura de Galicia.