
O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu o día 5 de decembro un acto institucional de celebración do 40º aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio Mundial da Humanidade, coa que a UNESCO recoñece dende o 5 de decembro de 1985 o excepcional valor histórico, artístico e cultural da cidade.
O acto deu comezo coa actuación da arpista bretoa e veciña de Compostela Bleuenn Le Friec. Tras o saúdo da alcaldesa, Goretti Sanmartín, interviu Xerardo Estévez, alcalde de Santiago no momento da declaración da UNESCO en 1985. Seguidamente, os concelleiros da Corporación Municipal, representantes de non adscritos, PSOE, PP, CA e BNG deron lectura a unha declaración institucional que pon de manifesto a relevancia do recoñecemento outorgado pola UNESCO, recoñece o labor realizado nas últimas décadas na preservación do conxunto histórico compostelán e apunta tamén retos de futuro para garantir unha cidade histórica viva, dinámica, sostible e implicada no coidado do seu patrimonio. Continuose o acto coas intervencións do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e do delegado do Goberno, Pedro Blanco, e rematou cunha nova actuación da arpista.
Declaración Institucional 40º aniversario Patrimonio Humanidade
Hoxe celebramos con profundo orgullo o 40º aniversario da proclamación de Santiago de Compostela como Patrimonio Mundial da Humanidade, un recoñecemento que a UNESCO outorgou o 5 de decembro de 1985 polo seu Valor Universal Excepcional. Naquela declaración afirmábase que “Santiago de Compostela é unha das zonas urbanas de maior beleza do mundo, realzada polos seus monumentos románicos, góticos e barrocos", cun centro histórico enriquecido ao longo dos séculos por correntes artísticas e polo máis importante movemento relixioso e cultural da Idade Media: a peregrinación polo Camiño de Santiago, declarado tamén Patrimonio da Humanidade pola UNESCO oito anos máis tarde, o 10 de decembro de 1993.
A estes recoñecementos viñéronse a sumar unha longa lista de premios e declaracións que confirmaron o valor da nosa Cidade Histórica: o Premio Europa en 1985, a Bandeira de Honra do Consello de Europa en 1987, o Premio Firenze en 1992, a Medalla da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa no 1997 ou a distinción de Capital Europea da Cultura no ano 2000. E aínda máis, con aqueles galardóns que recoñeceron en particular os labores de preservación e recuperación do conxunto histórico, como o Premio Europa Nostra de 1996 recibido pola política de rehabilitación do patrimonio no centro histórico da cidade, sumado ao Premio Europa Nostra de 1994 pola rehabilitación da antiga fábrica de curtidos de Carme de Abaixo e ao Premio Europa Nostra de 2001 polas obras de rehabilitación da Catedral de Santiago. Tamén en 1998 recibiu o Premio Europeo de Urbanismo, concedido pola Comisión Europea, e en 2010, o Premio Cidades Patrimonio do Ministerio de Cultura pola "continuada intervención integral modélica, unha filosofía e un modo de proceder na actuación arquitectónica e urbanística nos ámbitos históricos, mantendo por un lado o seu carácter monumental e, por outro, favorecendo a súa habitabilidade".
A declaración da UNESCO supuxo un verdadeiro punto de inflexión no noso xeito de entender a Cidade Histórica. Hoxe sabemos que a cidade histórica, viva e vivida, necesita tamén ser protexida. Ser conscientes de que somos herdeiros e herdeiras deste gran legado lévanos a preservalo, valorizalo e transmitilo ás futuras xeracións. Impúlsanos a construír unha cidade que siga sendo un lugar de encontro para a cidadanía, onde a historia se sinta presente e o futuro teña espazo para crecer.
As actuacións continuadas dos programas de rehabilitación, mantemento e rexeneración urbana que levamos a cabo dende o propio Concello e dende o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, instrumento clave na colaboración entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e Concello de Santiago, fan posible non só conservar un conxunto histórico-artístico tan valioso e extenso, asegurando a continuidade das condicións que definen a identidade histórica de Santiago de Compostela, senón tamén manter e avanzar cara o futuro de Compostela.
No día de hoxe, 40 anos despois da decisión da UNESCO e 33 da creación do Consorcio de Santiago, Santiago de Compostela continúa a afrontar retos decisivos para garantir a súa permanencia como cidade histórica viva. A protección da súa autenticidade, a preservación do tecido social que lle dá identidade e o equilibrio entre a actividade turística e a vida cotiá seguen sendo desafíos fundamentais. Xunto a eles, emerxen novas esixencias propias do noso tempo que pasan por construír unha cidade preparada para os retos do futuro, comprometida coa sustentabilidade, respectuosa co medio ambiente e capaz de manter un modelo urbano que coide tanto o patrimonio material como o benestar das persoas que o habitan.
Neste contexto, o Consorcio de Santiago e as administracións consorciadas, co Concello de Santiago de Compostela á cabeza, renovan o seu compromiso de responder a estas demandas con dedicación e unha visión orientada ao futuro. A súa misión é garantir que a Cidade Histórica continúe sendo un espazo dinámico, sostible e fiel á súa memoria, ao tempo que avanza para adaptarse aos cambios culturais, ambientais e sociais que marcarán as vindeiras décadas.
Santiago de Compostela é unha cidade única, aberta ao mundo e profundamente acolledora. Cada ano recibe visitantes chegados de máis de 150 nacionalidades, converténdose nun lugar de encontro entre culturas, crenzas e linguas. Pero Compostela tamén é, sobre todo, motivo de orgullo e pertenza para os seus veciños e veciñas, que co seu día a día manteñen viva a identidade, a tradición e o espírito que fan desta cidade un espazo singular.
Hoxe, no 40º aniversario do seu recoñecemento como Patrimonio Mundial, recordamos a necesidade de protexer e manter este valioso legado común, pero non basta con isto, tamén temos a obriga de mirar ao futuro, e deseñar o tipo de Cidade Histórica que queremos transmitir aos nosos fillos e fillas, onde a dotación duns servizos básicos de calidade que permitan atraer poboación, a importancia de manter uns espazos públicos abertos á participación cidadá, unha mellor regulación dos fluxos de mobilidade, a aposta por un comercio tradicional ligado ao territorio constitúen os eixes sobre os que traballar para construír unha Cidade Histórica viva, dinámica, sostible e implicada no coidado do seu patrimonio.
So así conseguiremos preservar e garantir os excepcionais valores que acreditan o recoñecemento desta cidade como Patrimonio Mundial da Humanidade.