O Consorcio de Santiago aborda na súa Comisión Executiva a programación da EAEM e novas prazas para a Real Filharmonía de Galicia

xoves, 17 Setembro, 2026

O Consorcio de Santiago reuniu este xoves 17 de setembro a súa Comisión Executiva, nunha xuntanza presidida pola alcaldesa de Santiago de Compostela e presidenta do organismo interadministrativo, Goretti Sanmartín Rei, que tivo lugar na sede do Consorcio, no Pazo de Vaamonde.

Entre os principais asuntos abordados figuraron a programación do curso 2026/2027 da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), así como as bases reguladoras e a convocatoria pública para a selección de persoal laboral fixo da Real Filharmonía de Galicia en tres postos: viola principal, violonchelo principal e contrabaixo tutti, que foron aprobados pola Comisión Executiva.

600.000 euros para a reconstrución do muro de San Domingos de Bonaval
Outro dos asuntos tratados foron as bases reguladoras para o outorgamento dunha subvención directa en especie ao Concello de Santiago de Compostela para a reconstrución do muro oeste do cemiterio de San Domingos de Bonaval, por importe de 600.000 euros, con cargo ao exercicio 2026, restando tan só a súa aprobación polo Consello de Administración do Consorcio de Santiago.

Esta intervención forma parte do compromiso do Consorcio de Santiago coa mellora constante da cidade, a conservación do seu patrimonio e a recuperación e posta en valor dos seus espazos urbanos. 

Ademais, no transcurso da reunión aprobáronse outros asuntos de trámite necesarios para o correcto funcionamento do organismo.

Representación das administracións consorciadas
Na reunión participaron representantes das tres administracións que integran o Consorcio de Santiago. Pola Administración Xeral do Estado asistiu Ángel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Hacienda; pola Xunta de Galicia, Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en representación do Concello de Santiago de Compostela, os concelleiros Borja Verea Fraiz,  Gumersindo Guinarte Cabada e María Rozas Pérez.

Asistiron tamén José Manuel González García, secretario do Concello de Santiago e secretario do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela; Marta Oviedo Creo, interventora do Concello e responsable do control interno do Consorcio; e José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela.