O Consorcio de Santiago celebra o Día do Libro coa entrega de publicacións ás persoas que visiten a exposición da Casa do Cabido

Día do Libro na Casa do Cabido
mércores, 22 Abril, 2026

O Consorcio de Santiago celebra o Día Internacional do Libro este xoves 23 de abril coa entrega de balde de publicacións coeditadas pola institución a todas aquelas persoas que visiten ese día na Casa do Cabido  a exposición “A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía”.

 

Os exemplares, pertencentes ás diferentes bibliotecas do Consorcio de Santiago, teñen como temáticas a literatura, a arte e a historia vinculadas á cidade de Santiago de Compostela. Ademais, incluiranse tamén títulos orientados a público infantil e xuvenil, co obxectivo de achegar a lectura a todos os perfís de visitantes.

 

A mostra “A alma de Compostela: un percorrido en acuarela e fotografía” reúne unha selección de obras do colectivo artístico LUCET e propón unha interpretación visual da cidade a través da acuarela, da fotografía, do pastel e do óleo, convidando a descubrir unha visión pausada e sensible de Santiago de Compostela, afastada da representación turística ou meramente documental.

 

A exposición, con acceso de balde, está aberta en horario de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h e domingos de 11:00 h a 14:00 h.