O Consorcio de Santiago celebra o seu Consello de Administración e Comisión Executiva

mércores, 24 Xullo, 2024

O Consorcio de Santiago celebrou na tarde deste mércores a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas estiveron presididas pola alcaldesa da cidade e presidenta do organismo interadministrativo, Goretti Sanmartín, e tiveron lugar na sede do Consorcio de Santiago no Pazo de Vaamonde, con algúns dos integrantes participando de xeito telemático.

 

Así mesmo, participaron pola Administración Xeral do Estado, Jesús Gómez García, subsecretario do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e Ángel Esteban Paul, inspector xeral do Ministerio de Facenda; pola Xunta de Galicia, José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Vila López, secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en representación do Concello de Santiago de Compostela, os concelleiros Borja Verea Fraiz, Gonzalo Muíños Sánchez e María Rozas Pérez. Asistiron tamén a ambas xuntanzas José Manuel González García, vicesecretario do Concello e secretario do Consorcio, Juan Ramón González Carnera, interventor do Concello e responsable de control do Consorcio e Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio da cidade de Santiago de Compostela.

 

No transcurso das xuntanzas aprobáronse as contas xerais do organismo correspondentes a 2023 co informe favorable da Auditoría da Intervención Xeral do Estado, así como o orzamento estimativo do organismo de 2025 para remisión á Administración Xeral do Estado. Tamén a programación do curso 2024-2025 da Escola de Altos Estudos Musicais, que comezará en outono.

 

Ademais, entre outros asuntos de trámite administrativo, recibiu o visto bo a modificación do "Plan cuatrienal de inversións 2023-2026", e presentouse o informe de execución do "Plan de obxectivos 2023". Tamén deuse conta da evolución da adxudicación do contrato da concesión do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e do lixeiro retraso que acumula a obra da cuberta do Palacio por mor das choivas continuas rexistradas durante esta primavera e o que levamos de verán. Aínda así, garantiuse en calquera caso a celebración dos eventos programados para os meses de outono.