
O Consorcio de Santiago vén de lanzar unha nova convocatoria do programa de axudas “Ter é Manter”, dirixida á rehabilitación e mantemento de inmobles situados na Cidade Histórica compostelá, dentro do ámbito do PE-1. Esta edición contará cun orzamento total de 700.000 euros.
O programa está destinado a inmobles de uso residencial e a inmobles de uso comercial das clases I e III, co obxectivo de fomentar a conservación do patrimonio arquitectónico, mellorar a eficiencia enerxética e garantir a accesibilidade dos edificios.
As actuacións subvencionables inclúen en concreto a restauración ou substitución das carpinterías exteriores de madeira, como galerías, ventás e portas, e a restauración de reixas, así como traballos de mantemento e mellora da envolvente exterior dos edificios, incluíndo fachadas, cubertas e patios. Tamén se contemplan intervencións para a consolidación de estruturas tradicionais de madeira e actuacións de mellora da accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
Así mesmo, a convocatoria inclúe o financiamento de honorarios técnicos, como a redacción de proxectos, a dirección de obra, a elaboración do informe de avaliación do edificio (IAE) e a redacción do Plan de Mantemento.
En canto ás contías, as axudas cubrirán entre o 30% e o 60% do orzamento subvencionable no caso de persoas físicas; un 30% para persoas xurídicas; un 40% para comunidades de propietarios; e un 30% para vivendas destinadas ao alugueiro.
O prazo de execución das actuacións estenderase ata o 31 de decembro de 2026, mentres que as solicitudes poderán realizarse ata o 29 de maio de 2026 a través da sede electrónica do Consorcio de Santiago, así como de maneira presencial no rexistro do Consorcio de Santiago (Rúa do Vilar, 59).
Con esta nova convocatoria, o Consorcio de Santiago reforza o seu compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio da Cidade Histórica, ao tempo que impulsa a mellora da calidade de vida das persoas residentes.