
O Consorcio de Santiago vén de publicar a licitación das obras de mantemento e mellora térmica da envolvente da torre de servizos centrais da Praza de Abastos, situada na rúa das Ameas. A actuación conta cun orzamento base de licitación de 104.417,39 euros, IVE incluído, e un prazo de execución previsto de seis meses. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 24 de novembro ás 14:00 h.
O proxecto ten como obxectivo mellorar as condicións de conservación e o comportamento térmico deste edificio, que forma parte do conxunto histórico da Praza de Abastos. A intervención combina traballos de mantemento nos elementos exteriores con actuacións no interior da planta baixa, afectada por problemas de filtracións de auga procedentes dos muros e da escaleira exterior.
Mellora da envolvente e conservación dos elementos arquitectónicos
No exterior, os traballos centraranse na limpeza, reparación e tratamento dos paramentos pétreos, así como na intervención nas reixas e carpintarías. Revisaranse e restauraranse os elementos deteriorados, mantendo os materiais e as características propias do edificio. Tamén se actuará nas cubertas e nos puntos da envolvente que precisan reparación para mellorar a súa protección fronte á entrada de auga.
No interior, a actuación permitirá mellorar o illamento térmico da planta baixa mediante a incorporación de solucións de illamento na envolvente e a creación dunha cámara bufa en todo o perímetro do local. Esta solución contribuirá a reducir os efectos das humidades procedentes dos muros e a mellorar as condicións de uso e conservación deste espazo.
O proxecto inclúe, ademais, o acondicionamento dos espazos da planta baixa e a intervención nas dependencias anexas, con actuacións de reparación e mellora das instalacións e dos elementos afectados polas filtracións.
A planificación dos traballos terá en conta a continuidade do funcionamento da Praza de Abastos, establecendo as fases necesarias para compatibilizar a execución das obras coa actividade habitual do mercado.
Un elemento singular do conxunto da Praza de Abastos
A torre de servizos centrais constitúe un dos elementos máis representativos do Mercado de Abastos de Santiago, proxectado polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios e construído entre 1937 e 1941. Situada no espazo central do conxunto, a torre concentra funcións vinculadas á organización e xestión do mercado e destaca polo seu carácter arquitectónico e simbólico.
O edificio está catalogado cun nivel de protección que recoñece o seu elevado valor histórico, arquitectónico e cultural. A intervención impulsada polo Consorcio de Santiago permitirá mellorar as súas condicións de conservación e eficiencia térmica, respectando os seus elementos singulares e a súa integración no conxunto patrimonial da Praza de Abastos.