
O Consorcio de Santiago publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a nova licitación das obras de restauración da nave de acceso ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e da capela que alberga o sepulcro de Castelao, no conxunto de Santo Domingo de Bonaval. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 4 de setembro de 2026, e o orzamento base de licitación ascende a 167.058,90 euros (IVE incluído), despois da súa actualización para adaptalo ás condicións actuais do sector da construción, tendo en conta o incremento do custo dos materiais e as dificultades engadidas derivadas do derrubamento parcial do muro do cemiterio de Bonaval.
Restauración do conxunto monumental
A intervención permitirá acometer a restauración integral da nave de acceso ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e da capela onde repousan os restos de Castelao, actuando sobre as principais patoloxías detectadas no inmoble.
Os traballos centraranse na resolución dos problemas de humidades e filtracións, así como na recuperación dos revestimentos e das pinturas murais deterioradas, co obxectivo de mellorar as condicións de conservación do conxunto e garantir a protección dos seus valores históricos, artísticos e patrimoniais.
Esta actuación forma parte das intervencións que o Consorcio de Santiago desenvolve para a conservación do patrimonio histórico da cidade, contribuíndo á preservación dun dos espazos de maior significado simbólico e cultural de Galicia.