
O Consorcio de Santiago resolveu a convocatoria de subvencións en especie destinada á elaboración de proxectos técnicos para intervencións de rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial no termo municipal de Santiago de Compostela, correspondente á convocatoria de 2026. Á convocatoria presentáronse un total de seis solicitudes, das que resultaron seleccionadas tres. Os proxectos corresponden á reconstrución do muro derrubado da ala oeste do salón central do cemiterio histórico do Parque de Bonaval, á adecuación de espazos no Convento do Carmen e ás actuacións de conservación na Igrexa de Santa María de Salomé, presentados polo Concello de Santiago de Compostela, a Federación FLOS Carmeli e o Arcebispado de Santiago de Compostela, respectivamente.
As axudas consisten na redacción, por parte do propio Consorcio de Santiago, da documentación técnica necesaria para acometer futuras actuacións de conservación, rehabilitación e mantemento en inmobles de especial relevancia patrimonial, así como a elaboración dos correspondentes plans de mantemento.
Con esta liña de subvencións en especie, o Consorcio de Santiago impulsa a conservación do patrimonio histórico da cidade mediante a elaboración da documentación técnica necesaria para planificar futuras actuacións de rehabilitación e restauración. As axudas están dirixidas a inmobles situados no ámbito da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO, e no conxunto de Conxo, favorecendo a protección de edificios e espazos de especial relevancia histórica, arquitectónica e cultural.
Proxectos seleccionados
Entre os proxectos aprobados atópase a redacción da documentación técnica para a reconstrución do muro derrubado da ala oeste do salón central do cemiterio histórico do Parque de Bonaval, afectado por un desprendemento ocorrido en febreiro de 2026. O proxecto incluirá tamén actuacións de conservación e mantemento no resto dos muros que conforman este espazo.
No Convento do Carmen elaborarase o proxecto para acondicionar dúas estancias situadas na planta soto do inmoble, que se destinarán a actividades de acollida de peregrinos, acompañamento e escoita, talleres formativos, retiros, reunións comunitarias, actividades culturais e visitas guiadas. Estes espazos, con acceso directo ás hortas e xardíns do convento, permitirán ampliar os usos sociais e culturais do conxunto.
A terceira actuación desenvolverase na igrexa de Santa María de Salomé, onde se redactará o proxecto para executar labores de conservación nos paramentos pétreos, especialmente no campanario, así como nas carpintarías e cubertas do edificio. A documentación incluirá tamén un estudo específico sobre o estado das cubertas das capelas orientadas cara ao sur, abertas ao claustro da igrexa.