
Os órganos de goberno da entidade aprobaron as Contas Xerais de 2025 e impulsaron novas actuacións para a organización interna do organismo, a conservación do patrimonio e a rehabilitación da cidade histórica
A Comisión Executiva e o Consello de Administración do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela celebraron este venres, 24 de xullo, as súas respectivas reunións ordinarias na sede da entidade, no Pazo de Vaamonde.
A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei, e contou coa participación do xerente da entidade, José Antonio Domínguez Varela. Na Comisión Executiva participaron tamén representantes da Xunta de Galicia, da Administración Xeral do Estado e do Concello de Santiago de Compostela, entre eles a secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Elvira M.ª Casal García; o inspector xeral do Ministerio de Facenda, Ángel Esteban Paul; os concelleiros Borja Verea Fraiz, Gumersindo Guinarte Cabada e María Rozas Pérez; a interventora municipal e responsable do control do Consorcio, Marta Oviedo Creo; e o secretario do Concello e do Consorcio, José Manuel González García.
Ao Consello de Administración incorporáronse, ademais, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e Manuel Vila López, en representación da Consellería de Educación.
Entre os principais acordos adoptados durante a xornada figura a aprobación das Contas Xerais do Consorcio correspondentes ao exercicio 2025.
No ámbito da organización interna, aprobouse a creación dun novo posto de administrativo/a no Consorcio e as bases da convocatoria para cubrir esta praza mediante concurso específico, ao que poderá optar persoal funcionario de carreira e persoal laboral fixo das administracións consorciadas que cumpra os requisitos establecidos.
En materia de conservación do patrimonio, o Consello de Administración aprobou unha subvención de 120.000 euros destinada á conservación da torre de servizos centrais da Praza de Abastos. Ademais, deu luz verde a unha nova convocatoria de axudas para os locais comerciais da cidade histórica, dotada con 90.000 euros, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e a súa imaxe.
A Comisión Executiva aprobou tamén unha achega de 600.000 euros para financiar as obras de reconstrución do muro oeste do cemiterio de San Domingos de Bonaval. Esta actuación dá continuidade ao apoio que o Consorcio xa prestou para a redacción do proxecto técnico da intervención, asumindo agora tamén o financiamento das obras de recuperación deste elemento de gran valor histórico e patrimonial.
Así mesmo, aprobouse unha inversión de 71.000 euros para financiar o convenio de colaboración entre o Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, a Fundación Laboral da Construción e o Concello de Santiago no marco do programa piloto de formación e emprego renÓbrate.
Esta iniciativa busca impulsar a formación en oficios tradicionais da construción, fundamentais para a conservación da cidade histórica. Nesta primeira edición, o programa centrarase na especialidade de cantería e permitirá actuar na recuperación de elementos do patrimonio tradicional do municipio, como lavadoiros, fontes ou pontellas.
O Consello de Administración aprobou tamén a actualización da imaxe corporativa do Consorcio de Santiago. A nova identidade gráfica mantén a esencia e os valores da marca, pero adapta o seu deseño a unha linguaxe visual máis actual e contemporánea, acorde coa evolución da entidade.
O Consello de Administración acordou tamén que o Consorcio de Santiago asuma a execución das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas en desuso da cidade histórica adquiridos e postos á súa disposición polo Concello de Santiago de Compostela no marco do Plan de Xestión da Cidade Histórica. O obxectivo desta medida é favorecer a recuperación do patrimonio edificado e impulsar a súa incorporación ao parque de vivenda en alugueiro a prezo accesible.
Unha vez que o Concello seleccione e adquira os inmobles, o Consorcio asumirá a redacción dos proxectos técnicos, a dirección das obras e a execución das actuacións de rehabilitación.