
O Consorcio de Santiago reuniu este mércores 17 de xuño a súa Comisión Executiva. A xuntanza estivo presidida pola alcaldesa da cidade e presidenta do organismo interadministrativo, Goretti Sanmartín Rei, e tivo lugar na sede do Consorcio de Santiago no Pazo de Vaamonde.
Así mesmo, participaron pola Administración Xeral do Estado Ángel Esteban Paul, inspector xeral do Ministerio de Facenda; pola Xunta de Galicia, Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; e en representación do Concello de Santiago de Compostela, o concelleiro Gumersindo Guinarte Cabada. Asistiron tamén á xuntanza José Manuel González García, secretario do Concello de Santiago e secretario do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela; Marta Oviedo Creo, interventora do Concello e responsable do control do Consorcio; e José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio.
Durante a sesión tratáronse distintos asuntos administrativos propios da actividade ordinaria do Consorcio de Santiago. Entre eles, deuse conta da solicitude formulada polo Concello de Santiago para que o Consorcio asuma a redacción dos proxectos técnicos, a dirección facultativa, a coordinación e a execución das actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas en desuso da Cidade Histórica que sexan adquiridos pola administración municipal para destinalos a alugueiro accesible. Esta proposta será agora analizada técnicos do Consorcio, que elaborarán os informes correspondentes de cara á decisión que deberá adoptar o Consello de Administración do organismo.