
O Consorcio de Santiago subvencionará 45 proxectos presentados ao programa de axudas destinadas ao mantemento das envolventes exteriores e á rehabilitación das carpinterías de madeira e reixas dos edificios de titularidade privada, que leva por nome "Ter É Manter".
Nas últimas semanas, o persoal técnico da entidade interadministrativa elaborou a documentación técnica requirida e analizou os proxectos presentados. En total, nesta convocatoria rexistráronse 92 solicitudes, sendo subvencionados 45 proxectos por un importe de 700.000 euros. Estas intervencións mobilizarán un investimento privado estimado de arredor de 2,1 millóns de euros.
Obras a executar
Nesta convocatoria actuarase sobre un total de 1.386 m² de carpinterías, dos cales 780 m² serán obxecto de restauración, mentres que o resto corresponderán a carpinterías de nova execución. Inclúense neste apartado galerías, portas, fiestras interiores, contraventás e fiestras tradicionais enrasadas.
Así mesmo, o programa contempla a restauración dun total de 175 m² de reixas.
Programa TerÉManter
O programa "Ter É Manter" beneficia a propietarios, arrendatarios e titulares dalgún dereito de uso sobre o inmoble, así como a comunidades de propietarios.
Para poder acceder a estas axudas é requisito estar dentro do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica; que o inmoble a manter teña unha antigüidade superior aos dez anos e cumpra coas condicións suficientes de seguridade estrutural e estanqueidade fronte á choiva.
Estas axudas abranguen a restauración ou reposición dos elementos especiais e de interese arquitectónico tanto de madeira como galerías, fiestras e portas de entradas aos edificios; restauración de reixas; mantemento de elementos da envolvente exterior como fachadas exteriores ou patios interiores e cubertas; mellora da eficiencia enerxética e do illamento acústico; así como a consolidación ou reposición das estruturas tradicionais da madeira.