
O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora presentaron este martes 18 de novembro no auditorio do Museo do Pobo Galego a publicación "E ti, por que queres falar diso?", obra de Paz Leirós e pertencente á Biblioteca Literaria do Consorcio.
Na presentación a autora estivo acompañada por Goretti Sanmartín Rei, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; María Xosé Fernández Cerviño, a vicepresidenta primeira do Padroado do Museo do Pobo Galego; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Henrique Alvarellos Casas, director de Alvarellos Editora; e en calidade de asistente, Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia.
A publicación "E ti, por que queres falar diso?" afonda a través dunha estrutura coral cun colaxe de voces, situacións, viñetas e fragmentos a memoria dunha familia, os Cifuentes, que apoiou o golpe de estado de 1936 en Santiago de Compostela.
É un testemuño literario cunha enorme carga de verdade, honestidade, dor e contradicións, que plasma un tempo difícil e incómodo mesturando historia e ficción, un tempo que expresa ademais a dificultade das mulleres para tomar decisións sobre a súa propia vida.
Esta obra publícase en colaboración co Consorcio de Santiago coa tradución ao galego, a cargo de Susana G. Ducrós, tres anos despois da primeira edición en castelán.
Unha realidade silenciada
Na súa intervención, a alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou a importancia da obra no marco das vésperas do 25N, Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, xa que "é unha novela feminista, que desvela a discriminación e o sometemento que padecían as mulleres".
Asemade, destacou a necesidade hoxe en día de novelas como a presentada, que "abran os ollos, que alerten do terror do franquismo, que sexan valentes e se atrevan, como é o caso, a relatar a historia tamén desde esa parte, a dos triunfadores", referíndose en especial na función da obra de informar as novas xeracións.
Paz Leirós
Paz Leirós (Compostela, 1954) estudou Historia na Universidade de Santiago de Compostela e na Complutense de Madrid. Profesora de Historia no Instituto Rosalía de Castro de Santiago ata 2018, realizou estancias de formación en Ottawa, Nova York e Londres. Colaborou coa “Vogalía da Muller” da asociación veciñal “A Xuntanza” da súa cidade. Formou parte de “Sinenómine”, asociación de profesores de Historia, organizadora de ciclos de cine e exposicións para levar a Historia alén da aula. É autora do traballo de investigación histórica "Un fidalgo no cambio de século. Pedro Ventura de Puga e o pazo de Fontefiz" (2015). En 2022 publicou a sua primeira novela, "Y tú, por qué quieres hablar de eso?", que en 2025 aparece na súa versión en galego.